¡Ven de tapas e gaña moitos premios!

¡Ven de tapas e gaña moitos premios!

18 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Achégase o día de San Xose, unha festividade que para moitos supón este ano o arranque dunha longa fin de semana.  Catro días, sen dúbida,  propicios para facer a Fenerruta e percorrer os distintos establecementos que participan no II concurso de Tapas de Fene.

Tapas para tódolos gustos e para todo tipo de padais. Para os máis tradicionais, a oferta da Fenerruta pasa este ano polo clásico arroz do Roiben, os mexilóns á mariñeira de Casa Raquel, a carne estofada do Morriña, a orella de porco de La Barrica ou a lingua estofada do Café Bar Malpica. A maiores, os máis atrevidos poden degustar nesta nova edición do Concurso de Tapas de Fene o pan de xamón do Lembranza, o vols-au-vent de champiñóns e xamón do Tarnas, as tostas de xamón e brie do restaurante de Vilar do Colo ou as albóndegas porto do Mesón Porto de Veiga. Sen esquecer, tamén na categoría de tapas creativas, os vols-au-vent recheos de Las Vegas, a tortilla de O Son de Cociña e a parmesana de berenxena da Cafetería do CMI Unidade de Fene.

O II Concurso de Tapas, organizado pola Concellería de Promoción Económica de Fene chega esta fin de semana ao seu ecuador. Dende mañá ate o domingo (e tamén durante a última fin de semana de marzo) as persoas que o desexen poden participar e optar a distintos premios, achegandose polos distintos establecementos sinalados na Fenerruta. O lema é ¡Ven de tapas e gaña moitos premios!.  

Ademais da calidade das tapas coas que concursan este ano os 13 establecementos inscritos, o concelleiro Manuel Polo sinalou esta mañá a Radiofusión que o nivel de participación na primeira fin de semana do certame foi bo, superando incluso as expectativas.

Oito días restan para avaliar as tapas presentadas este ano ao concurso. Do xoves ao domingo, esta semana e a que vén, podemos degustalas en horario de 12:30 h. a 15.00 h., pola mañá, e de 20:00 h. a 22:00 h pola tarde-noite.  

Sociedade