Á rica tapa de Fene

Á rica tapa de Fene

24 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Dez establecementos hosteleiros de Fene participan no III Concurso de Tapas no que poderemos degustar, entre outros petiscos, piruletas de polo condátiles e pera ou uns garavanzos con bacallau. Depende de si é tapa tradicional ou creativa, as duas modalidades previstas no concurso. Os máis goloso poden facer a Fene-Ruta entre o 5 e o 21 de marzo, visitando todos os bares e votando pola tapa que máis lles encha o ollo.

Os hosteleiros de Fene son os principais protagonistas do Concurso de tapas, segundo declarou esta mañán o alcalde de Fene, Iván Puentes quen xunto co directivo da Asociación de comerciantes e hosteleiros "O Cruceiro", Guillermo Lago, presentou esta mañán o III Concurso de Tapas de Fene. Os obxectivos son claros, para o alcalde fenés, promover e dinamizar a actividade do sector da hostalería, crear un hábito entre os clientes e abrir os nosos bares a visitantes de fora.

O ano pasado foron 6000 os votos emitidos polos clientes da Fene-Ruta para elexir a tapa popular. Moitas persoas entran por primeira vez nos establecementos a costa desta iniciativa. O directivo da asociación de hosteleiros, Guillermo Lago, ten claro que o concurso de tapas serve para dinamizar a hosteleria fenesa. Tanto él como o alcalde animan á xente a participar e disfrutar. 

Mantense a Fene Ruta pero a novidade deste ano está no cobro de 50 céntimos por tapa, para compensar o esforzo e valorar o traballo dos hosteleiros.

Nesta terceira edición, 10 establecementos competirán nas categorías de petisco tradicional e creativo, ademais do premio na categoría popular, á tapa elixida polo público, entre o 5 e o 21 de marzo, incluídos. As tapas pódense degustar os venres de 19 a 22 horas e os sábados, domingos e festivos de 12:30 a 15 e de 19 a 22 horas. 

Sociedade