Éxito de participación no ciclo de noites psicoeducativas

Éxito de participación no ciclo de noites psicoeducativas

27 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes finalizaba o pasado sábado a segunda edición das Noites Psicoeducativas do programa FARO, programa que ten como obxectivo a prevención no consumo de alcol e a inserción social das persoas afectadas. Arredor de medio cento de mozos e mozas ordenses de entre 12 e 18 anos participaron en cada unha das sesións que se celebraron nas noites dos pasados 7, 14 e 21 de maio no pavillón municipal do Paraíso.

Nas sesións ofrecéronse aos participantes unha serie de actividades alternativas ao consumo de alcol, actividades como a realización de graffitis, obradoiros de maxia, xogos, así como talleres de elaboración de cócteles sen alcol, entroutras iniciativas. 

O obxectivo destas noites é prestar apoio social aos colectivos en risco que lles permitan ter alternativas de ocio en espazos libres de consumo de alcol. As actividades foron encamiñadas a fomentar o uso axeitado do tempo libre, as relacións interpersoais equilibradas, a resolución de conflictos e a mellora de autoestima, sendo o eixo transversal o rexeitamento ao abuso do alcol. 

Tanto os participantes como o Concello mostraron a súa satisfacción polo resultado desta iniciativa, que entre outras cuestións conseguiu rachar co mito de que para divertirse hai que beber alcol.

Sociedade