Éxito multitudinario da Festa do Queixo de Arzúa

Éxito multitudinario da Festa do Queixo de Arzúa
02 de Marzo, 2026 - 11:20 h. | Publicada por Radio Arzúa

«Ímolo ver, aínda que non é o meu bocado», indicaba unha veciña de Arzúa ante o busto do alcalde asasinado pola ditadura, mentres se dirixía ao recinto feiral como miles de persoas chegadas de toda Galicia. Decenas de autobuses transportaron os visitantes nunha xornada na que ata a Policía Local se sumaba ao ambiente festivo: «Hai que mover a economía», sinalaba unha axente con sorriso cómplice. 

O posto de Queixos de Sillobre foi un dos máis de 70 expositores que participaron este ano. O éxito de vendas foi xeral; tal e como apuntaba o xerente do posto de polbo Porta: «Na Feira de Arzúa, se o tempo acompaña, sempre se sae ben». De feito, a demanda de queixerías volveu superar a oferta dispoñible, deixando a moitas firmas en lista de espera por falta de espazo no recinto. 

Cultura e música para o peche

As actividades complementarias, que incluíron catas e obradoiros, esgotaron axiña o milleiro de prazas convocadas. No apartado musical, a artista local MJ Pérez protagonizou un dos momentos destacados do domingo. Coa serenidade e madurez que caracteriza o seu quinto álbum, Je tiens bon, a solista cautivou o público no Campo da Feira fusionando canción de autora, pop-rock e ritmos latinos. 

Con 51 edicións ás súas costas, a Festa do Queixo consolídase como unha das citas gastronómicas máis veteranas e imprescindibles do calendario galego.

Sociedade

Publica o teu comentario agora