ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A lamprea é un ciclóstomo mariño, Petromyzón, ou sexa, que chucha pedras. Remonta os nosos ríos nas primeiras datas do mes de xaneiro ata finais de marzo. As de máis sona son as que remontan o Miño, onde teñen postos os pescos, construcións de pedra que peitean o río dende o tempo dos romanos, rexidos por leis moi estritas, explotadas polo bispo de Tui e os poderosos de ambas ribeiras do río. É un bicho ben raro, algúns din que é un salto atrás na escala filoxenética, coa súa boca de ventosa chupón, como as rémoras, e as dúas filas de sete buracos, que lle dan ao peixe unha pinta de serpe dos abismos.
Caldas de Reis é unha das vilas con máis sona en empanar a lamprea, xunto con Padrón, onde a denominan timbal. Tamén a preparan con agarimo en Catoira.
A lamprea é un peixe mítico con historia e moitas lendas. Apicio faciaas levar ata Roma por mar, remolcadas en cestas de vimbio. Rabelais nacera e criárase na taberna La Lamproie e Le Procope, o máis antigo café-restaurante de París, posiblemente do mundo, tivo o peixe na súa carta máis de tres séculos. Din que Henrique I, rei dos ingleses, morreu dunha enchente de lamprea.
Os monxes bieitos de Sahagún de Campos, no camiño de Santiago, aproveitaron as lagoas salgadas de Manganeses de la Lampreana, entre Zamora e Villalpando, para criar lampreas do río, por mor de aliviar as vixilias da Coresma.
Á lamprea chámalle Cunqueiro "a nai da gota". Cando canta o cuco, corren as choivas de abril e as lampreas son de baixada, desovadas, perden gran parte da súa exquisitez. Carece de escamas e espiñas e conserva unha textura viscosa. Proporciona fermosos soños segundo indica o doutor Fausto Galdo no seu Abecedario das mantenzas.
Publica o teu comentario agora