A única en Galicia

A única en Galicia
16 de Agosto, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Estrada

As palabras do seu avó cambiaron a súa vida. Ela tamén quería manter vivo un oficio tradicional que durante tantos anos foi o sustento principal de tantas familias. A día de hoxe, Isabel Neira, é a única muller torneira de Galicia.

Tras rematar os seus estudos universitarios, Isabel Neira iniciouse no mundo da tornería no taller do seu pai converténdose na sétima xeración de torneiros da súa familia. Na actualidade, esta emprendedora rexenta Atalanta Madeira na parroquia de Berres (A Estrada) dende onde fai pezas ecolóxicas, sostibles o orixinais que cruzan o mundo. As que se empregan na cociña, contan cun acabado apto para o uso alimentario, unha innovación moi apreciada polos restauradores que coidan tódolos detalles. “A primeira peza que deseñei foi un quebranoces”, desvela Isabel Neira. Feito en madeira de freixo e bidueiro, estivo exposto no museo Tate Modern de Londres e, dende entón, véndese na capital británica. “Optamos por cambiar o material en lugar de empregar madeira de Piñeiro que é unha das máis usadas, recuperamos a madeira de bidueiro que estaba bastante abandonada. A madeira é un material nobre e reutilizable. Ten moitas bondades das que podemos facer un bo uso”, afirma esta torneira, todo un exemplo de constancia, curiosidade e traballo.

 

Na imaxe, Isabel Neira (Atalanta Madeira) e Susana Falcón (Radiofusión)

Sociedade

Publica o teu comentario agora