“A nós encántanos compartir a música”

“A nós encántanos compartir a música”
26 de Xullo, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Compartir a música no seu máis amplo sentido,  e non só co público senón tamén con outras artistas é o leitmotiv de Caamaño&Ameixeiras dende que en 2018 empezaron a facer música xuntas. Sabela Caamaño - acordeón cromático - e Antía Ameixeiras - violín e voz -, forman un marabilloso tándem musical desde que unha amiga común suxeriu que podian facer algo xuntas. 

ESCOITA O PODCAST:

Elegancia instrumental e vocal que non deixa lugar á indiferenza porque a emoción está presente tanto nas composicións propias como nos arranxos de pezas que realizan.  Con estes vimbios teñen garantido que a súa presenza, nos últimos tempo, non só ten sido habitual no espazo musical galego e do estado senón tamén internacional.

Dende o seu primeiro traballo discográfico, Ire!, editado no ano 2021 contaron co apoio do público, e o segundo, que veu a luz o pasado ano, “Quitar o aire” segue o mesmo camiño. Trátase dun traballo que ten os rituais e tradicións máxicas galegas como fío condutor, un traballo para o que mesmo contaron coa colaboración dun antropólogo que as asesorou sobre estes rituais. 

Un agarimo a nosa cultura en todas as súas tradicións, musicais, etnográficas e patrimoniais. Por iso están encantadas de que a RAG teña escollido adicar á poesía popular oral transmitida polas cantareiras, as letras galegas 2025, ese recoñecemento necesario dun traballo silandeiro que permitiu a supervivencia dunha lingua. De ben nacidas é ser agradecidas.

A defensa que a RAG fai da dedicación ás cantareiras da celebración das Letras 2025 dí o seguinte, "...as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras". 

Sabela e Antía, Caamaño e Ameixeiras, son a continuación desta estirpe de mulleres bravas e agarimosas do noso, e o seu traballo, con certeza, pasará a formar parte desta herdanza colectiva que a todas nos pertence. 

Fotografía: XanXe

 

Cultura

Publica o teu comentario agora