“Ares de medo” e “Ares qué rico”

“Ares de medo” e “Ares qué rico”

21 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Son os nomes do concursos organizados pola Concellería de Cultura de Ares co gallo da vindeira celebración, o 7 de novembro, do Magosto do Samaín. Os interesados en participar nalgunha destas iniciativas teñen de prazo ata o día 30 deste mes para formalizar a súa inscripción na biblioteca municipal.

O primeiro dos certames “Ares de Medo” divídese en dúas categorías, a de nenos/as ata 10 anos e a de rapaces de 11 a 16 anos. Consiste na presentación de historias de medo ou misterio orixinais, vencelladas ao tempo do Samaín, escritas en galego ou castelán. Os contos non deberán exceder os tres folios A4, presentados por unha cara a dobre espazo con letra Arial 12.  O xurado, composto por tres persoas da área de Cultura do Concello, decidirá as obras gañadoras, que se darán a coñecer durante a celebración do Magosto. Os gañadores das dúas categorías recibirán nesa mesma data un teléfono móbil.

En canto ao segundo concurso “Ares, qué rico”, diríxese aos aresáns que “queiran probar a súa pericia na cociña”. Terán que elaborar receitas de calquera tipo que teñan nos seus ingredientes principais, cabaza ou castaña. Cada participante poderá presentar unha receita como máximo. O gañador obterá como premio unha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio. Ademais, os pratos que se presenten serán degustados polo xurado, integrado por tres persoas especialistas no tema, e o público asistente á festa o 7 de novembro.

Cultura