“Begoña Caamaño. A releitura dos mitos” preséntase no Festival de Podcast

“Begoña Caamaño. A releitura dos mitos” preséntase no Festival de Podcast
03 de Xuño, 2026 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

A produción  “Na selva de Esmelle. Begoña Caamaño, a releitura dos mitos”, con guión de Pim Patinho, dirección de Eugenia Sanmartín e coas actrices Vicky Sas e Marián Rei,  presentarase, de xeito teatralizado ao público asistente que coñecerá de primeira man, antes da emisión radiofónica, este podcast producido por Emisoras Municipais Galegas no marco do II Festival de Podcast de Galicia.

Ademáis concorrerán en Perlío (Fene) máis de 30 propostas de podcast que están a producirse en Galicia. Todo tipo de temáticas caben neste xa non tan novo modelo de comunicación que está a triunfar nos novos consumos radiofónicos e audiovisuais.

Durante dous días, o venres 12 e o sábado 13 de xuño, o Festival de Podcast posto en marcha o pasado ano por Emisoras Municipais Galegas, será o escaparte da produción de podcast de Galicia. Nunha mañá, a do venres 12, na que o protagonismo o terán as posibilidades didácticas do formato, na que asistiremos á gravación en directo do podcast que o Colexio Centieiras de Perlío emite en Radio Fene mensualmente, os participantes poderán participar en diversos obradoiros de radio impartidos por Actual Comunicación e polo coñecido actor de Talia Teatro e comunicador Toño Casais.

A tarde dará protagonismo e visibilidade ao uso da lingua nas redes sociais e nos novos medios será un dos elementos a debate nunha mesa que dará cabida a radios comunitarias como Cuac FM, Radio Filispim, representación do novo Fediverso como Mastodon.gal ou Obradoiro dixital galego, unha reflexión colectiva especialmente importante nun momento no que o uso da lingua na comunicación está en niveis mínimos de utilización.  

O Festival ofrecerá tamén espazo ao concurso de podcast que patrocina Deleite e no que participan máis de 30 podcast de moi diferenciados estilos, facendo boa a afirmación de que o formato permite todo tipo de contido. Os resultados coñeceranse o sábado 13 no peche do Festival e contará con máis de 15 premios en diferente modalidades, incluíndo o premio acadado pola votación popular que pode realizarse a través do perfil de mastodon.gal das Emisoras Municipais Galegas

Dous días de podcast, radio, coloquio e coñecemento de propostas de todo tipo durante o II Festival de Podcast que EMUGA desenvolverá, co apoio do Concello de Fene e a Deputación da Coruña, os vindeiros 12 e 13 de xuño nas instalacións do Círculo Cultural, Deportivo e Recreativo de Perlío, en Fene.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora