“Buenafuente: Chiquito de la Calzada” (La Sexta, 00 h.)

“Buenafuente: Chiquito de la Calzada” (La Sexta, 00 h.)

12 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A televisión, como vehículo para a cultura, xa non ten remedio e ficará por sempre estigmatizada. Pensamentos como ese que di que o medio é a mensaxe, condenan para sempre ao desprezo das elites a calquera cousa, por extraordinaria que sexa, que asome ás nosas vidas dende o tubo catódico. Tómase a parte polo todo para desgraza dos poucos talentos verdadeiros que consenten en ser gravados por unha cámara, ao contrario do que acontece noutros medios.

Así, o libro, como artefacto, pasa en primeira instancia por garantía de produto de calidade, por máis de que a ampla maioría de títulos que copan as librarías sexan novelas de baixa estofa, ridículos manuais para a vida, as obras completas de Ana Rosa Quintana ou, precisamente, volumes inxustificables producidos por personaxes de éxito na televisión. Pola contra, coa tele pasa o contrario, e por iso a Chiquito de la Calzada sempre se lle negará o pan e o sal, por máis que a súa redución ao absurdo da intelixibilidade o poña á mesma altura de vangardistas das distintas artes como Tristan Tzara, Marinetti, Dalí ou Ionesco e o seu teatro do absurdo. A diferenza: que eles deixaron a súa creación en lenzo ou papel, e Chiquito fíxoo en cintas VHS presentadas por Paz Padilla.

 

Vai xa para 20 anos dende a aparición deste cantante e bailador flamenco que deconstruía os chistes cunha linguaxe de seu bautizada como “chiquitistaní” e que mesmo os nenos de agora, que non o coñeceron no seu momento, aprenden por ósmose, tan forte foi o seu impacto cultural. Andreu Buenafuente decide renderlle homenaxe esta noite a través dun duelo de chistes entre “pecadores de la pradera” que, “por la gloria de mi madre”, desenvolverase a partir da medianoite en La Sexta.

Cultura