“Carmencita” e “Máximo pracer” inauguran as dúas novas salas do Torrente Ballester

“Carmencita” e “Máximo pracer” inauguran as dúas novas salas do Torrente Ballester

28 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol ( A Coruña) amplía os seus espazos expositivos con dúas novas salas, a de Proxectos e a Sala Máximo Ramos. As mostras que acollan terán unha regularidade trimestral. Inaugúranse ás oito desta tarde e poden visitarse ata o 31 de decembro.

A Sala de Proxectos ubícase no patio, na que era a antiga cafetería do Centro. A súa programación terá un carácter máis experimental. Acollerá todo tipo de disciplinas, dende fotografía, vídeo, moda ou pintura de pequeno formato entroutras. 

Iniciará a súa andaina coa exposición “Carmencita”, concebida especialmente para a Sala de Proxectos. A estatua dunha nena no cemiterio de Ortigueira é o punto de partida dun relato escrito pola Responsable da programación do CTB Susana Cendán, e da licenciada en Belas Artes Victoria Diehl. “Carmencita” é, sobre todo, froito dunha paixón que, como no mito de Apolo e Dafne, permite facer realidade os desexos máis profundos. O proxecto é resultado da fascinación que exerceu sobre as dúas autoras da mostra a imaxe desa nena. A exposición intégranna  oito fotografías de formato medio e unha publicación, que pretende ser un coleccionable ao que se lle dará continuidade con outros traballos futuros da Sala de Proxectos.

A segunda das salas que se abre ao público no  Torrente é a Sala Máximo Ramos. Trátase  dun espazo como punto de encontro para a investigación, a interrelación e o coñecemento dos fondos de arte do Concello de Ferrol. Tanto dos gravados como da pintura en xeral. A sala supón unha homenaxe á figura de Máximo Ramos, de quen toma o seu nome.

A primeira das súas propostas leva o título de “Máximo Pracer”. Está composta por obra gráfica e unha única pintura, “Las Tentaciones de San Antonio”, pertencente aos fondos do Concello.

Esta homenaxe á figura de Máximo Ramos permite corroborar a especificidade dun excelente debuxante, un consumado gravador, especialmente na augaforte, e un artista único cuxo traballo, aínda hoxe, segue sorprendendo.

Cultura