“Dende a diáspora tamén se aporta”

“Dende a diáspora tamén se aporta”
02 de Agosto, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

“Dende a diáspora tamén se aporta”, afirma David Miranda, o artista que está detrás do proxecto Devalo. A aportación de David está presente en moitos aspectos da súa vida, en primeiro lugar porque no musical fai música en galego con total naturalidade e, en segundo lugar porque, dende o profesional, dende o seu exercicio como profesor Titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor, en Gales, realiza estudios relacionados coa presenza galega na diáspora e como está representada na literatura e o cine.

ESCOITA O PODCAST:

Unha actividade docente e investigadora que non lle impide achegarnos as súas músicas en forma de disco. Uns discos cheos de pezas traballadas ao milímetro, que David prepara no estudio que ten na súa casa de Gales pero que se finalizan en Galicia, con técnicos galegos e a través dunha discográfica galega.

Este ano presentou, Azul Vindeiro, o terceiro traballo discográfico de Devalo que é, segundo a propia definición do autor,  “unha mirada esperanzada ao futuro”. Neste disco David fainos agasallos en forma de canción, como é o caso da súa “Cíclica Historia Universal da Infamia”, unha reflexión sobre a manipulación e os discursos do odio que medran de día en día, e que David asegura que podemos parar. A música é poderosa, fagámoslle caso.



Fotografía: Jorge Martínez

Cultura

Publica o teu comentario agora