“Entreterras”, un volcán de músicas.

“Entreterras”, un volcán de músicas.
21 de Xuño, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu ven de estrear os eu novo espectáculo musical “Entreterras”, 50 músicos no escenario, e tres grandísimos músicos convidados, María Xosé Silvar, Sés, o timplista canario Hirahi Afonso e Daniel Pereiro dende Portugal, un proxecto cun eixo vertebrador como é a música de raíz e o compromiso que claramente comparten coa innovación. 

ESCOITA O PODCAST:

Entreterras é un convite a viaxar a través das músicas ibéricas facendo desta viaxe unha posta en valor de toda esa tradición acumulada e, ao tempo, un reflexo do traballo anovador que está a facerse nas música tradicional nos distintos territorios do estado, a contemporaneidade e a frescura dos ritmos de raíz. SonDeSeu fai arranxos e adaptacións para a orquestra de pezas dos artistas convidados que son referentes nos seus respectivos territorios. 

Podería parecer complicado esta conexión entre a orquestra e os seus cómplices, pero no escenario a vivencia é de total imbricación entre todos, SonDeSeu fai súas as músicas dos seus convidados e estes intégranse na orquestra nunha simbiose natural. 

O resultado é un deleite, unha festa de músicas que se encontran. Máis de 5o músicos, facendo maxia con gaitas, zanfonas, percusión, requintas e frautas, arpas e instrumentos de corda, cantareiras e violíns, a mestría de Pereiro co cavaquinho e a súa personalidade arrolladora, que armoniza á perfección con outro instrumento irmán, o timple canario que Hirahi Afonso executa de xeito engaiolante e a unión da voz poderosa e motivadora de María Xosé Silvar, Sés, son unha experiencia enerxética e dinámica, volcánica, como xa suxire a imaxe da cartelería do espectáculo

Entreterras é, efectivamente, unha viaxe emocional, acaba de estrearse e estará moi pronto noutros escenarios. É unha experiencia que, se podedes, non debedes perder.

Cultura

Publica o teu comentario agora