Quen lle diría a Augusto César Lendoiro que o seu vello compañeiro de pupitre mais logo feroz inimigo político, Francisco Vázquez, facilitaría a fichaxe do xogador que mudaría a historia do Deportivo. A familia Bebeto tiña as maletas feitas para xogar cun moito máis oneroso contrato no Borussia Dortmund alemán. Mais dende as oficinas do club galego explicóuselle á fermosa muller do astro, a xogadora de voleibol Denisse, que antes que pasar frío na industrial Alemaña, mellor farían en vir gozar dos encantos da “pequena Copabacana”. E ao faraonismo das obras do Alcalde Vázquez e o seu paseo marítimo algún mérito haberá que darlle na fantasía. Así que algunha postal fixo o efecto preciso: Bebeto marcou goles para o Dépor e aínda hoxe algún coruñés prefire a bossa nova á muiñeira embriagado polo suposto aroma carioca de Riazor, rebaixado con vento nordés.
Di precisamente nun dos seus temas máis famosos o pai da bossa, Joao Gilberto, que quere a vida sempre así, coa súa moza preto, mentres dende a fiestra olla para o Corcovado, e alí no alto o Redentor, mira ti que lindo. Un entusiasmo semellante ao de calquera coruñés deitado fronte á península da Torre, co faro romano de Hércules no estremo. Pero nunha viaxe inversa á de Bebeto Gama de Oliveira -que como di outra canción de Gilberto, acontece que é baiano-, o equipo de “Españoles en el Mundo” marcha de aquí para acolá e dedica o seu programa desta noite a pasear pola verdadeira Copacabana, á sombra xigantesca do Cristo, mentres rastrexa a pegada da garota de Ipanema pola que tantos emigrados devecen. “Río de Janeiro” é o destino de La 1 de Televisión Española a partir das dez e cuarto.