“Estamos integrando un castelo do século XV nunha actividade do século XXI, e iso é o que nos fai un festival singular”

“Estamos integrando un castelo do século XV nunha actividade do século XXI, e iso é o que nos fai un festival singular”
09 de Agosto, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Chegar aos 45 anos coa vizosidade coa que o está a facer o festival Irmandiño de Moeche ten moito que ver coa calidade da proposta, indiscutible, pero tamén co empeño deste pobo de irmandiños, loitadores, pelexóns pola nosa cultura e a súa identidade dende 1980. Veciños e veciñas de tódalas idades únense para, nestes tres días de agosto, compartir unha parte da súa historia que tamén é a nosa e tamén, como non, ofrecérmonos do bon o mellor da nosa música. 

ESCOITA O PODCAST:

Esa tarefa iniciada hai 45 anos continúa hoxe da man da Asociación Irmandiños, que se encargan da organización deste xa histórico festival, pero que conta coa colaboración non só da administración local, senón tamén de toda a veciñanza de Moeche que colabora de distintos xeitos. 

“Seguimos tirando da veciñanza”, imprescindible, segundo afirma Alexandre Campos, representante dos Irmadiños, para levar adiante un festival que, tal e como nos presenta o organizador, reproduce un modelo de festival, amable e familiar, que lles ven funcionando dende hai moitos anos e que presume de singularidade do marco no que se desenvolve, “estamos integrando un castelo do século XV nunha actividade do século XXI, e iso é o que nos fai un festival singular”

Tres días de actividades que arrancarán o venres 16 de agosto cunha foliada aberta na que a organización convida a participar, a levar os instrumentos de cada quen e moitas ganas de pasalo ben. O sábado 17, día principal do festival o día comezará coa posibilidade de visitar o Castelo de Moeche, protagonista daquela revolta irmandiña na que a Irmandade A Fusquenlla vingou os abusos do señor feudal. Actividades para todas as idades durante a tarde para chegar aos concertos da noite nos que poderemos gozar de grupos noveis como Nimbos e tamén de mestres dos escenarios galegos como  Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ou a Banda das Crechas e Loita Amada. Ao redor das 12,30h da noite a organización revivirá o asalto ao Castelo. 

O domingo 18 o festival trasládase a pé do Castelo, durante a xornada a organización ofrecerá un petisco a prezos populares e, como non, tamén música, nesta xornada serán No Combaro e Faíscas da Pontraga os que poñerán a parte musical da sesión dominical.

Cultura

Publica o teu comentario agora