“Estou moito máis orgulloso das miñas composicións para o público infantil”.

“Estou moito máis orgulloso das miñas composicións para o público infantil”.
13 de Setembro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A presenza de Magín Blanco na música infantil é unha historia de éxito. Dende o momento no que iniciou esta andaina músico-teatral a súa proposta e os protagonistas da mesma, a Nena e o Grilo, teñen conquistado ao público infantil, e non tanto, no seu paso polos escenarios.

ESCOITA O PODCAST:

Aqueles personaxes que Magín imaxinou para protagonizar o seu espectáculo músico – teatral levan acompañando ao autor e intérprete dende o 2013, logo seguíronnos outros máis, como o “Gatuxo” e outras propostas adicadas aos máis pequenos ata o “Caderno de Cores e cancións” que editaba o pasado ano 2023.

Pero a andaina musical de Magín comezou cando estudaba en Xixón e a partir deses primeiros pasos a creación, xa en Ourense, do grupo La Rosa, proxecto que liderou e co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Do seu traballo musical en solitario, a partir do ano 2006, viron a luz tres discos nos que contou con colaboracións tan destacables como Uxía Senlle ou Gloria Van Aerssen, que fora cantante de Vainica Doble. O seu paso á música infantil é a historia dunha carreira musical de éxito dende o primeiro momento ata converterse nun dos referentes na creación de música infantil e, seguramente, un dos que conta con máis presenza no panorama musical galego. 

Pero, aínda que Magín asegura que está moito máis orgulloso da súa música para crianzas, non desmerece en absoluto a súa produción musical para público adulto, e así o ten reflectido Carlos Rego no seu libro disco, “Magín Blanco, O Camiño da Luz”, un texto no que defende a necesidade de recoñecer a Magín como un músico imprescindible no panorama musical galego. 

En Sons de Nós acreditamos na definición que Carlos Rego fai de Magín Blanco, “...ten unhas cualidade e un don especiais para facer cancións que non só son bonitas, son cancións que son capaces de emocionar e afectar ao ouvinte”, e abofé que si.

Cultura

Publica o teu comentario agora