“Galicia Documental: A Arañeira” (TVG, 00.20 h.)

“Galicia Documental: A Arañeira” (TVG, 00.20 h.)

11 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Nunha máis do seu catálogo de liñas célebres de guión para a historia, Woody Allen dicía aquilo de “cando escoito a Wagner durante máis de media hora éntranme ganas de invadir Polonia”. O que non sabiamos era que, ademais das épicas sinfonías do compositor clásico, o espírito invasor dos nazis tamén se puidese ver alimentado polo folklore da muiñeira galega. Mais algo diso houbo segundo expón

Eu, que son, como din os ingleses, estritamente clase media, se cadra podería ser o herdeiro en potencia dun imperio mineiro deses que empregan billetes de 200 euros para acender a Faria. Pero o negocio das minas de volframio que tiña meu avó en tempos que eu non cheguei a coñecer esmoreceu e os meus soños de ser o J.R. de Bergantiños xamais poderán chegar a concretarse. O caso e que esta noite hei de estar atento porque na peza docuemental fálase de como o volframio galego foi servindo mediante unha tépeda rede de espionaxe e a trama Odessa para fornecer o exército de Hitler. Ademais, relátase a construción dunha importante antena de comunicacións en Cospeito, ou o desfile das forzas da Lufwaffe xermana polas rúas de Vigo en 1939, meses antes de invadir Polonia, se cadra xa non con Wagner na gramola, senón coa gaita dunha alborada soando na cabeza dos letais pilotos de guerra. Todas as conexións do fürher e a súa tolemia crearon unha arañeira que lle dá título á produción de Eduardo Rolland que se pasa esta noite na TVG ás doce e vinte dentro do programa “Galicia Documental”.

Sociedade