“Hai xente inocente que pensa que en Galicia non hai problema de agua”

“Hai xente inocente que pensa que en Galicia non hai problema de agua”
28 de Outubro, 2024 - 01:03 h. | Publicada por Radio Fene

O biólogo e delegado da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, Xan Rodríguez Silvar fai, neste episodio do podcast “Empeza por ti”, unha chamada á responsabilidade individual na defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. 

ESCOITA O PODCAST:

“Hai cincuenta anos pensabamos noutros problema ambientais, que aínda seguen a selo, pero non pensabamos nos plásticos nin no cambio climático que está afectando á vida”, sinalou. E advertiu da gravidade que supón a falta de auga, tamén en Galicia. “Hai xente inocente que pensa que en Galicia non temos problema de auga”. 

A información e a divulgación é o único mecanismo que pode permitirnos coñecer a importancia da riqueza do noso patrimonio natural para valoralo e defendelo. E esa é unha das razóns de ser da Sociedade Galega de Historia Natural, no centro estudan, divulgan e defenden o patrimonio natural galego, unha experiencia que debe coñecerse e apoiarse xa que a súa labor de preservación e defensa é tan importante como a das entidades oficiais. 

Froito dese labor de divulgación é o Museo de Historia Natural que a Sociedade ten en Ferrol e que conta fondos moi curiosos. Por exemplo, o esqueleto da candorca que varou en Burela en 2002. Unha femia vella e xorda. “O exemplar que temos é unha candorca seguramente moi importante para o seu grupo. Podemos vela cos seus dentes desgastados. É unha honra podela ver aí. Son animais mariños pero máis próximos á nosa mellor cara humana”, detalla o biólogo, que foi profesor de secundaria no IES Sofia Casanova de Ferrol e delegado da Sociedade Galega de Historia Natural. Era a líder dunha manda que quedou pola zona ata que ela finou. “Cando lle fixeron a necropsia atoparon na zona da cabeza un montón de perdigóns de postas, ese tiro seguramente a deixou xorda, pero a manda debeu axudala, ao chegar a Burela meteuse no porto, os catro membros da manda esperaron a que ela morrera”. 

O Museo da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol exhibe moitas outras pezas de interese. Entre os seus fondos hai, por exemplo, unha colección de 3.000 de cunchas de Filipinas. A investigación, o estudo, preservación, conservación e divulgación é unha parte importante na defensa do noso patrimonio natural, apoiar e colaborar con estas experiencias tamén é traballar pola Axenda 2030.

Empeza por ti é un programa das Emisoras Municipais Galegas, realizado coa axuda da Deputación da Coruña.

Fotografía: XanXe

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora