“Historia del Bulli” (La 2, 22 h.)

“Historia del Bulli” (La 2, 22 h.)

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Anda por aí unha campaña de publicidade dunha bebida isotónica que proclama que o ser humano é extraordinario. A televisión, que se cadra é o medio de comunicación que mellor retratou ás persoas durante o último medio século, tamén ofrece momentos fóra do común. Esta noite hai un compendio de fenómenos nada normais.

Non se pode ver o partido decisivo da volta das semifinais de Champions que xogan Barcelona e Chelsea, porque a cadea cos dereitos decidiu emitir o raras veces decisivo partido de ida, pero como hai mono de fútbol, pasan un programa que ten nome de resultado balompédico: Antena 3 Noticias 2, espazo no que Gloria Lomana entrevistará ao novo lehendakari, Patxi López.

Tamén se achega ao colmo do absurdo “Saturday Night Live”, que pasan en Cuatro e que non é Saturday porque o emiten os mércores e dende hoxe tampouco é Live, porque a emisión é diferida. Así as cousas pouco lle falta para que non sexa Night e o emitan na faixa matinal.

Extraordinario é asemade Francisco Arrabal, protagonista dalgúns dos maiores bochornos catódicos que se lembran e a quen todos os sensatos agardamos para falar do “mileniarismo” aproveitando a súa visita desta noite a Buenafuente en La Sexta.

Hai tanta cousa extraordinaria que ata o fenómeno de El Bulli e Ferrán Adriá parece algo normal e non o é. Así que para comprendelo, mellor ficar coa proposta de La 2. Complétase esta noite unha reportaxe especial que forma parte da “semana Bulli” programada pola televisión pública española e que pretende facer de panexírico a quen pasa por ser o cociñeiro máis importante do mundo, algo así como un Picasso do padal, un transgresor que reescribe a historia da gastronomía con novas preparacións dos alimentos e propostas que semellan contradicións para o sentido do gusto. A traxedia de Adriá e que mentres que as obras de arte poden ser admiradas por todos, senón ao vivo, si en reproducións fotográficas, a súa comida é como unha lenda que nunca apreciarán as masas porque hai que agardar tres anos para ter mesa no seu restaurante. Algo diso se cadra contan en “Historia del Bulli”, que conclúe a partir das dez da noite en La 2.

Sociedade