“Limpeza de sangue”, o xogo imposible do príncipe e mendigo do século XXI

“Limpeza de sangue”, o xogo imposible do príncipe e mendigo do século XXI

30 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Dous personaxes unidos polo cerca que andan do delito, da dor e da morte. Fernando e Pantaleón, duns mundos tan distintos, están condenados a compartir unha especie de hospitalario cárcere no que se supón que lle quitan do sangue aquilo que é malo para a supervivencia. Daí xurde o mellor invento da humanidade: a amizade. Este é o eixe da obra “Limpeza de sangue” de Rubén Ruibal, unha homenaxe á figura de Roberto Vidal Bolaño.

O director da obra, Arturo López, amósase moi satisfeito con este proxecto e co seu traballo con “Espello Cóncavo”. A Ruibal cualificao do “Alter ego” de Vidal Bolaño. Segundo López trátase dunha peza teatral moi dura que transcurre na cidade da Coruña nun ambiente marxinal de drogas, delincuencia e corrupción.

Emocións a flor de pel, intensidade de traballo e un texto soberbio de Ruibal fan da mesma, unha peza única. Segue unha liña dun realismo “sucio”, underground. A representación xira arredor do protagonista, Fernando, interpretado por Serxio Zearreta. Un personaxe cunhas condicións físicas e vida extremas, onde hai que poñer o corpo ao límite, indicou o actor.

Montar un texto como éste e levar todas as sensacións transmitidas polo autor a un escenario implicaría a utilización dos medios teatrais de última tecnoloxía e dun presuposto altísimo, subliñou o director. “Nós partimos de dous conceptos básicos. Por unha banda, unha escenografía convencional, múltiple e variada que permite transformar 29 esceas en distintos ambientes e atmósferas. Por outra no traballo inxente dos actores”, explicou.

O equipo da obra destacou a importancia desta novela que “marcará o cumio da literatura dramática galega da postmodernidade”. Agora amósanse expectantes ante a resposta do público. “O que é seguro é que o sábado Narón falará Koruño durante as dúas horas que dura a representación. Esto é a maxia do teatro”, sinalou Zearreta.

Cultura