“Lo sabe, no lo sabe” (Cuatro, 21:30 h.)

“Lo sabe, no lo sabe” (Cuatro, 21:30 h.)

24 de Setembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por

O prexuízo é unha actitude humana que persiste grazas á asunción do mal menor. Ten connotación negativa, pero aínda así resulta arriscado prescindir da súa administración indiscriminada. Por mor dos prexuízos poida que esteamos a perder a oportunidade de coñecer a persoas marabillosas, mais se cadra teñamos fuxido dalgunha coitelada aquela noite na que, por puro prexuízo, decidimos evitar unha ruela escura chea de tip

A estatística da estética garántenos unha alta porcentaxe de acertos cando nos poñemos a discriminar, pero a moda tamén traizoa. Agora calquera matón de instituto devece por calzar os mesmo lentes xigantes de pasta de rato de biblioteca que antano eran un imán para as chanzas. Do mesmo xeito, rapazas de familia ben paséanse con estampados e ouros que non hai tanto servían como uniforme para despachar dende o posto dun feirón. Malia estas excepcións, o bo xogador de azar sabe que para maximizar as posibilidades de éxito cómpre aferrarse a un patrón de conduta. Para calquera cínico de ben, este ten que ser “pensa mal e acertarás”.

Ao programa “Lo sabe, no lo sabe” que Cuatro emite ás nove e media da noite, haille que aplaudir o valor de demostrarnos que o prexuízo non é un atributo das malas persoas, senón unha ferramenta imprescindible do ser humano contemporáneo para clasificar á multitude que o rodea e distribuír mellor os seus esforzos de socialización en función das preferencias. Demóstrannolo eses concursantes que deben delegar as respostas ás preguntas que o presentador Juanra Bonet lles formula entre o xentío que os rodea, escollendo, segundo sexa mester, persoas que respondan correctamente ou que erren estrepitosamente. Isto, explicado dunha maneira máis simple, resúmese en presupor a ignorancia dos veciños a ollo de bo cubeiro. E que o sinalen a un como ignorante no medio da rúa é un asunto serio que afecta ao orgullo. Curiosamente, e malia os prexuízos, a ninguén -que saibamos- lle cruzaron a cara durante a realización do programa. Vai ser que no fondo todos temos un pouso de Mr. Darcy e Mrs. Bennet.

Sociedade