“Máis Música” para Negreira

“Máis Música” para Negreira

18 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A plataforma cidadá Máis Música, que apoia a solicitude dun conservatorio municipal de grao medio do Concello de Negreira, encherá este sábado de música a capital barcalesa. Desenvolverá unha nova actividade lúdico-reivindicativa cunha vintena de actuacións e uns 140 músicos participantes que actuarán nas rúas, prazas, bares e auditorios da vila.

Máis Música realizará conxuntamente unha campaña de recollida de sinaturas entre a cidadanía a favor do conservatorio e en apoio á  solicitude cursada polo Concello ante a Consellaría de Educación, unha vez que dispoñen dos espazos axeitados e un novo auditorio.

A xornada lúdico-reivindicativa comezará ás once da mañá co rebumbio das bombas de palenque e as dianas e alboradas da charanga Os Celtas, na praza do Concello, seguindo co grupo folclórico Veiga do Cotón e os pasarrúas da Banda de Brión. Á unha do mediodía haberá un concerto da Banda Ateneo de Negreira. Se o tempo o impide, as actuacións previstas ao ar libre trasladaranse ao recinto do novo auditorio do Centro Sociocultural.

Pola tarde o programa continuará desde as 16 horas no auditorio da Casa da Cultura cun concierto de Xoán Leis (saxofonista) e Cristian Leggero (teclado). Despois tocaralle a quenda á soprano Aída López. Ás cinco haberá pasarrúas e un concerto na rúa de Castelao a cargo da Banda Municipal.

Na Casa da Cultura, ás seis e media, terá lugar o concerto do grupo Laika, formado por alumnos do Xulián Magariños, para continuar coas pandereteiras Limagoia actuando polas rúas de Negreira. Logo, ás oito do serán no auditorio municipal, celebrarase un recital de guitarra clásica de Xosé Guzmán. A esa mesma hora, os gaiteiros Os Pequenos de A Baña e a charanga Nasa percorrerán os diferentes localis de hostelaría.

A xornada reivindicativa rematará a partir das nove e media da noite cunha gran jam session nas instalaciones do restaurante Tamara. Actuarán os grupos e solistas Banda Aparte, The Pink Blanket, Marmota Phill e Xan Solo. O broche final ao día corrrerá a cargo dos dj's locais Wolf, Zizuo e Sergio Paramos.

Sociedade