“Mundos Digitales 2010” reune a elite internacional da animación e efectos especiais

“Mundos Digitales 2010” reune a elite internacional da animación e efectos especiais

02 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O IX Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital “Mundos Digitales” reunirá entre os días 7 e 10 de xullo na Coruña á elite mundial da tecnoloxía dixital aplicada á industria cultural. O evento arrinca cunha xornada dedicada exclusivamente á arquitectura dixital, o mércores día 7 de xullo. A sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña acollerá a profesionais como

“Mundos Digitales”, na súa novena edición, continúa coa formulación de madurez dos últimos anos, organizándose arredor de catro grandes eixes: unha sección consagrada á arquitectura dixital; o festival internacional de curtas de animación; as conferencias de animación, videoxogos e efectos especiais e unha última sección, a de recrutamento e formación, que acolle unha das principais novidades do certame.  

O corazón do festival, as conferencias sobre animación e efectos especiais, enriqueceuse con outra das novidades desta edición, un “foro estratéxico” sobre novas evolucións tecnolóxicas e artísticas e novos modelos de negocio, “unha esixencia de todos os profesionais dun sector que evoluciona vertixinosamente”, indicou Meijide. 

Contarase en diferentes xornadas coa presenza de John Tarnoff (durante unha década Head of Show de Dreamworks Animation Studio), que dará a súa visión sobre os ‘Paradigmas clave para o negocio global de contidos dixitais’; José María Castillejo (Zinkia Entertainment) ofrecerá ‘Unha reflexión sobre a evolución das marcas’; Robin King (Imagina Corporation) ofrecerá unha conferencia titulada ‘Pensado fóra da pantalla: transformando en animación para os tempos conceptuais’ mentres Laura Dorhmann charlará sobre ‘Mercados emerxentes e tecnoloxías. Onde nos encontramos?’.

Dentro deste mesmo epígrafe, Raúl Carbó (de In Efecto), amosará como un pequeno estudio se pode abrir camiño entre os grandes co relatorio ‘Pequenos estudios con grandes clientes’, mentres que o gurú Peter Plantec analizará ‘A psicoloxía dos personaxes animados’ nun relatorio no que se internará na mente dos espectadores para descubrir cal debe ser o modo de actuar dos personaxes. 

As grandes novidades da tecnoloxía dixital aplicada á industria audiovisual chegan, como en anteriores edicións, da man das grandes producións da temporada cinematográfica. Destaca na programación deste ano a presenza na Coruña de Sebastian Sylwan, o máximo responsable creativo e técnico dun dos fitos da historia dos efectos especiais e a animación, a superprodución de James Cameron Avatar. 

Un dos episodios centrais de “Mundos Digitales” dende a súa primeira edición é o Festival Internacional de Animación. A cerimonia de entrega de premios do que é xa un dos certames máis prestixiosos a nivel internacional –varias curtametraxes gañadoras do Óscar pasaron antes por este concurso- realizarase, como cada ano, na última xornada, o sábado día 10 de xullo, na que ademais se entregará o premio especial “Mundos Digitales 2010 “ a Ignacio Pérez Dolset, primeiro executivo de Ilion Animation Studios e Pyro Studios.   

Cultura