“Novacaixagalicia aglutinará unha importante porcentaxe do aforro galego“, declara Feijóo

“Novacaixagalicia aglutinará unha importante porcentaxe do aforro galego“, declara Feijóo

17 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Un non sempre escoita ao presidente do seu Goberno chorar, pero iso aconteceulle nesta xornada a Alberto Núñez Feijóo. Imbuído pola solemnidade da convocatoria que fixo na residencia oficial de Monte Pío, o titular da Xunta apenas puido conter as bágoas. Alí xuntou ao futuro presidente executivo de Novacaixagalicia Banco, José María Castellano, así como aos copresidentes da caixa

Xa fixera unha presentación similar cando se producira a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, pero hoxe cando Feijóo mirou arredor de seu e viu a representantes das catro provincias unidos, apenas puido conter a emoción ao intuír que velaí estaba a mandar unha mensaxe sobre a unidade do país. Á súa beira, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Curras, compartía a emoción do presidente escoitando como a Núñez Feijóo lle tremía a voz da seguinte maneira.

A posta en escena luciu máis nas fotos que nos micrófonos. E é que só o presidente da Xunta tomou a palabra, mentres que o home do momento en Galicia, José María Castellano, declinou facer declaracións. Así as cousas, Feijóo dedicouse a agasallarlle os oídos. Referiuse a el como "un dos 50 líderes empresariais máis valorados do mundo" e amosou a súa confianza en que conseguirá atraer a NCG Banco a moitos investidores "de capital galego e non galego". O titular de San Caetano reclamou que o banco adopte un compromiso efectivo de apoio ás familias e aos emprendedores e salientou que "a confianza que a sociedade galega ten empeñado nesta entidade ten que ser devolta" a través da axuda ao desenvolvemento "económico, social e cultural do país". Feijóo prognosticou que o novo proxecto "aglutinará unha importante porcentaxe do aforro galego e que manterá unha vinculación con Galicia como a caixa de aforros da que xorde". Así falou o presidente sobre o futuro inmediato no que a presenza de Castellano, dixo, "será decisiva".

Sociedade