“O meu primeiro recordo é o taxi verde que me leva a Raxó”.

“O meu primeiro recordo é o taxi verde que me leva a Raxó”.
30 de Agosto, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

O libro de memorias do médico e político Francisco Cerviño González, “Tuco Cerviño”, fai un  repaso pola súa historia persoal pero tamén de fitos imprescindibles da historia da Galicia de mediados do pasado século.

 

ESCOITA O PODCAST:
Fotografía Xan Xe

“Un taxi verde e un concerto” é un repaso ás vivencias de Tuco Cerviño ata 1968, ano de especial relevancia na historia europea pero tamén no desenvolvemento social e político de Galicia. 

O libro, contrariamente ao que podería esperarse, non é un repaso polo pasado político de Cerviño, militancia nacionalista nos seus inicios da que pasou a comprometerse co Partido Socialista como deputado no Parlamento Galego ou como concelleiro en Oleiros nos últimos anos de vida política. 

Na primeira das tres partes nas que as memoria están organizadas, o autor centra o relato na memoria familiar, nas súas orixes, seguindo o consello recibido do seu amigo Suso de Toro, quen lle advertiu que unhas memorias para interesar a quen le, teñen que respostar á pregunta “Quen son eu?”. Esa pregunta lévao a debullar o pasado familiar na que a actividade política aparece por tódalas ramas familiares, “eu son fillo, neto e bisneto de concelleiros de Pontevedra”. As memorias reflicten a importancia do rural na súa vida, a parte da “emoción” que representou a aldea natal paterna de Carballedo na que “asistiu ao final da vida labrega”.

A “cápsula de respirabilidade” que foi o seu paso polo Instituto de Pontevedra é o centro do que podería considerarse a segunda parte das memorias. Nesta parte, Cerviño fai un repaso da súa adolescencia, das aprendizaxes vitais que viñeron da man de ser unha familia “de perdedores da guerra” e a convivencia no centro de ensino cun profesorado que, sendo abertamente franquista, creou un ambiente no que o diálogo e o contraste de opinións era razoablemente posible.

O ano 68, no que rematan as memorias, reflicte o paso pola Facultade de Medicina Universidade de Santiago de Compostela, no que a militancia política ven marcada pola actividade reivindicativa dos estudantes no conflito do 68. Neste apartado, Cerviño salienta a importancia transcendental do que supuxo o concerto de Voces Ceibes na Facultade de Medicina, que iniciou a posta en valor da lingua galega no mundo da música.

Sinala o autor que o libro resposta a tres obxectivos claros, “homenaxear a certas persoas que o merecen”, para “sinalar contrastes” e, sobre todo, era necesario para “saber, entender e lembrar”. 

 

Fotografía: Xan Xe

Cultura

Publica o teu comentario agora