“O pico do uso do petróleo está decrecendo”

“O pico do uso do petróleo está decrecendo”
27 de Maio, 2025 - 01:56 h. | Publicada por Radio Fene

Durante décadas, combustibles fósiles como o carbón, o petróleo ou o gas foron as principais fontes de enerxía eléctrica. Recursos que se cría inesgotables e inocuos resultaron ser, non só finitos, senón tamén enormemente lesivos para o planeta.

ESCOITA O PODCAST:
Israel Temprano

O seu uso produce grandes cantidades de gases de efecto invernadoiro, ao redor do 60 % das emisións mundiais, convertendo ao consumo de enerxía nun factor determinante do cambio climático e con consecuencias fatais para o benestar das persoas e o medioambiente. 

A necesidade da redución da utilización de combustibles fósiles e o establecemento do desenvolvemento e uso de enerxías alternativas é un compromiso que debe ser asumido polo planeta na súa totalidade, porque nos afecta a todos.

No Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC está funcionando o Laboratorio de Investigación de Sistemas para a Transición Enerxética, LISTE -Resonac, cuxo traballo permitirá acelerar a implantación de tecnoloxías que utilicen fontes limpas e renovables para a xeración, o almacenamento e a transformación de enerxía. 

Israel Temprano, investigador e director da Cátedra Resonac-UDC Sparking Truth  da que depende o laboratorio preséntanos esta experiencia que non só traballa de cheo no ODS 7, garantir o acceso a unha enerxía limpa e asequible pero tamén á necesidade de tecer alianzas con outros actores sociais, neste caso a empresarial.

A Axenda 2030 fai un chamamento aos países para acelerar a transición cara a un sistema enerxético alcanzable, seguro e sostible ao investir en enerxías renovables, priorizar a implementación de prácticas de eficiencia enerxética e adoptar tecnoloxías e infraestruturas de enerxía limpa. 

Un esforzo que non pode ser alleo ás empresas. Iniciativas como as do laboratorio LISTE – RESONAC da Universidade da Coruña unen sinerxías e esforzos para alcanzar estes obxectivos fundamentais cara á eficiencia enerxética.

Sociedade

Publica o teu comentario agora