A “Patria lingua” de Uxío Novoneyra

A “Patria lingua” de Uxío Novoneyra

15 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O libro “Uxío Novoneyra. Revisitado” constitúe un testemuño excepcional sobre a vida, a obra e o pensamento de Uxío Novoneyra escrito por un dos que foron os seus mellores amigos e un dos máis destacados especialistas na súa obra: Xosé Lois García.  Desde unha ollada privilexiada arredor do poeta do Courel e o seu contexto, o autor vai pasando revista á concepción do universo poético de Novoneyra, ás corrent

“Uxío Novoneyra. Revisitado”, primeira entrega de Xerais no seu proxecto do Ano Novoneyra amosa facianas descoñecidas do poeta do Courel. A súa paixón pola cultura oriental que nace na súa etapa de estudante en Madrid. Un Novoneyra gravador, unha faceta que xurde nos anos 60 pola súa amizade con Raimundo Patiño. Os seus gravados teñen como referencia a Galicia e destacan os adicados ás mulleres, sobre a maternidade, o corpo erótico da muller, todo co transfondo e as paisaxes do seu amado Courel. Novoneyra tamén traballou con cerámica descúbrenos o seu amigo e autor da publicación, Xosé Lois García. Unha amizade que se remonta a agosto de 1973, cando participaban nas tertulias literarias do Café Madrid no centro da cidade de Lugo con poetas novos que hoxendía son ilustres escritores. Unha camaradería na que compartían pensamento ideolóxico e político. 

Neste eido o autor definiu ao poeta recoñecido co Día das Letras Galegas 2010, como marxista-nacionalista. Comprendido e incomprendido a partes iguais, Novoneyra sufriu estas circunstancias e nunca se declarou pertencente a ningún partido político. A súa vertente nacionalista é máis perceptible a finais dos seus anos. Malia todo hai anécdotas siginificativas da súa corrente ideolóxica cando en plena guerra civil presentouse cunha camisa vermella na feira de Folgoso e quitáronlla para queimala nun auténtico alegato ao fascismo, asegura Xosé Lois García. 

Con 19 anos marcha a Madrid e coñece de perto a situación pola que atravesa España e sofre un revulsivo tras o que aterra en Compostela para facer o servizo militar xunto ao seu amigo Manuel María, un referente importante na súa vida. En Santiago contacta con moitos intelectuais como Otero Pedrayo que o introduce no pensamento nacionalista ou Ramón Piñeiro, baluarte importante da súa condición marxista. 

No libro inclúense numerosas anécdotas para entender a figura e a obra de Uxío Novoneyra máis o que sobrancea é a súa morriña do Courel. Un sentimento de ausencia da terra, das campás do Courel que leva a Otero Pedrayo a levalo paseniño ás doce da noite á Praza da Quintana para escoitar as badaladas de medianoite.

Para o amigo e autor desta obra, este ano Novoneyra, supón o recoñecemento e os premios que nunca acadou. Nin siquera chegou a ser académico, salienta García. De feito, destaca a importancia do poeta do Courel na literatura galega dos anos 50. Unha figura que dispensou unha tremenda reivindicación da terra galega e así definiu a Galicia como “Patria lingua”.     

Cultura