“Somos como redeiras”

“Somos como redeiras”
15 de Novembro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

A Pedreira é unha cantautora das de verdade. Pode que isto sexa así porque coida a escrita e as palabras, pero tamén porque non ten medo a pescudar e mesturar xéneros musicais e influencias de calquera tipo. A súa versatilidade consegue enriquecer o panorama da música galega grazas á súa capacidade de mestura de xéneros musicais. 

ESCOITA O PODCAST:

É, con toda seguridade, unha das precursoras da nosa música e, isto é innegábel, segue a estar na vangarda coas súas propostas. Non só non lle ten medo á electrónica, senón que case pode dicirse que é unha precursora porque leva acompañándoa ao longo da súa traxectoria. 

É unha das mulleres emblemáticas da música galega e confirma orgullosa o moito que as precursoras teñen feito pola música tradicional. “Somos como redeiras”, afirma Ugía cando fala da presenza das mulleres na música galega e da súa aportación xa non só á conservación e transmisión da tradición, senón tamén da capacidade de innovación que existe na música feita polas mulleres en Galicia.

Basal é a súa última proposta musical, un traballo moi especial tanto polo contido das pezas, que se abren coa presenza da súa nai e péchase coa da súa filla, senón tamén porque é un traballo conceptual no que se recollen os sons cotiás que acompañan á artista e á súa filla. Poderemos escoitalo nunha edición especial que recollerá estas gravacións na casa familiar, pero tamén poderemos aprezalo nos concertos, no escenario, cunha proposta de espectáculo que quere ter en conta todas as capacidades. A Pedreira agasállanos sempre unha experiencia única. 

A quen escribe, teño que confesalo, algunha das súas pezas danlle moitas ganas de bailar, ...pero “agarrado”. 

Fotografía: XanXe

Cultura

Publica o teu comentario agora