Somos Pandeireteiras


Somos Pandeireteiras
21 de Febreiro, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

E se articulamos un espazo común que poña en valor as nosas formas de creación colectiva, que favoreza o intercambio de coñecemento e a difusión do noso saber?

 

ESCOITA O PODCAST:

Con esta pregunta como ponto de partida nacía, Somos Pandeireteiras, un proxecto de pensamento, articulación social e cultural promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón; unha iniciativa na que non estaba soa, senón que contou con tres agrupacións de pandeireteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón). Este proxecto, que nace como elemento de dinamización cultural pero tamén de reivindicación, ven dar como froito á Asociación de Tocadoras de Galicia Somos Pandeireteiras. 

Gisela Sanmartín, Mercedes Peón e Ana Fernández, preséntannos, nesta edición de Sons de Nós, algún dos proxectos nos que están a traballar como é a creación dun rexistro de pandeireteiras para poder coñecer en profundidade o que realmente xa se sabe, que as mulleres temos sido tradicionalmente “tocadoras” e xa é tempo de coñecer  dimensión desta realidade. 

De antigo os quefaceres diarios facíanse cantando, cantábase na eira, nas leiras, nas cociñas, nos lavadoiros. Voces de mulleres, moitas veces analfabetas, letristas espontáneas e transmisoras anónimas dunha herdanza inmaterial invaluable. Un legado que Somos Pandeireteiras quere recoller e amplificar, darlle a auténtica dimensión que este traballo tivo para a transmisión da nosa identidade cultural.

Cultura

Publica o teu comentario agora