108 saúdos ao sol no Parque da Hortiña

108 saúdos ao sol no Parque da Hortiña
10 de Xuño, 2025 - 09:01 h. | Publicada por Radio Fene

A proposta da AVV de Limodre para este venres no Parque da Hortiña, é un convite aberto para participar nun ritual tradicional na práctica do ioga.

Os 108 saúdos ao sol fanse para abrir e pechar ciclos, para preparar o noso corpo e a nosa mente para os cambios que poidan vir. Unha tradición que os practicantes habituais do ioga adoitan facer nos cambios de estacións. 

Os saúdos ao Sol consisten nunha secuencia de posturas que se realizan en combinación coa respiración consciente. Estas posturas dinámicas fortalecen os músculos, melloran a flexibilidade e estimulan todos os sistemas do corpo. Ademais dos beneficios físicos, esta práctica tamén promove a concentración e a conexión entre o corpo e a mente. 

Esta tradición servirá para celebrar o Día Internacional do Ioga da man de Andrea Carrera unha experta que imparte clases en Pontedeume e dirixirá a experiencia que nos ofrece a Asociación Veciñal de Limodre. 

En 2014 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou a celebración do Día Internacional do Ioga, unha data que se conmemora anualmente o 21 de xuño. Dende o ano 2015 a súa celebración extendeuse polo mundo entre todas as persoas que adoitan practicar ioga habitualmente. En moitos lugares celébrase con este ritual, esta “sadhana” tradicional que son os 108 saúdos ao sol, unha práctica na que o número, 108 cobra importancia como o número sagrado do ioga. 

Unha actividade que, ademais de celebrar a entrada nunha nova estación axuda a cultivar a paciencia, a disciplina e, sobre todo, a confianza nun mesmo. Unha experiencia que se poderá compartir no Parque da Hortiña de Limodre a partir das 18,30 horas do vindeiro venres 13 de xuño.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora