12 parellas de bois en Mesón do Bento

12 parellas de bois en Mesón do Bento

11 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A XII Festa do Lacón con Grelos que o Concello de Ordes celebra durante toda esta fin de semana, días 13 e 14 de marzo, convertirá a Mesón do Bento nun importante escaparate do gando galego, incluindo a exposición de diferentes razas en perigo de extinción. 12 parellas de bois exhibiránse no recinto feiral.

Máis de oito gandeiros participarán nesta cita ordense que xa se ten convertido en todo un referente tanto na comarca como en toda a provincia e incluso a nivel autonómico. Entre o gando que se exporá haberá exemplares de cabalo galego, raza rubia galega, así como outras cabezas de diferentes razas en perigo de extinción como son a raza Limiana, a raza Cachena e a raza Vianesa.

Pero quizáis un dos maiores atractivos da exposición de gando o teñan as 12 parellas de bois que se darán cita nesta festa, algo que o concelleiro de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións do Concello de Ordes, José Luis Gómez Candal, calificou como “extraordinario dada a dificultade de conseguir ese número de bois neste momento, algo que posiblemente non se vexa en ningunha outra feira”. En total espérase que poida haber expostas arredor de 70 cabezas de gando.

Nesta mostra de gando participarán diferentes gandeiros de toda a provincia como son Ganadería Eladio de Laracha, Ganadería Reboredo Pedreira de Culleredo, Ganadería Souto de Arteixo, Ganadería Mantiñán de Vizoño, Ganadería Jesús de Ardemil en Ordes, Ganadería Souto Silveira de Mercurín tamén en Ordes, a Asociación de

Criadores de Rubia Gallega (ACRUGA), e a Asociación de Criadores de Bueyes Gallegos (ACRIBUGA) de Carral.

Ademais das exposicións de gando, que se poderán visitar tanto na xornada do sábado como do domingo, tamén haberá unha exposición de maquinaria agrícola durante toda a fin de semana, así como diferentes postos de artesanía e productos típicos.

Na xornada do domingo tocaralle o turno aos cabalos, cunha concentración cabalar que incluirá unha serie de probas en diferentes modalidades. Así haberá unha proba de estampa de Beleza Galega, outra de andadura federada galega de 2 e 4 tempos, unha carreira de trotóns, unha proba de trote libre, e por último outra de arrastre con gando vacún.

Desfile e concurso de disfraces
Como vén sendo habitual nesta celebración, tamén haberá un oco para os disfraces coa celebración dun desfile e concurso de comparsas no que se repartirán preto de 2.000 euros en premios. Terá lugar o sábado a partir das 17 horas e todos aqueles que se queiran apuntar poden chamar todavía ao 981680002 ou ao 981680157, ou ben anotarse no stand que o Concello de Ordes terá no recinto feiral ata as 16 horas.

Degustación gratuíta de lacón con grelos
Tal e como indica o seu nome a XII Festado Lacón con Grelos non podía pasar sen ter unha degustación gratuíta deste prato típico galego. Unha degustación que se poderá disfrutar nos diferentes establecementos da zona durante a xornada do domingo.

Precisamente será tamén o domingo, día grande da feira, cando teña lugar unha concentración moteira que achegará ata o recinto feiral un bo número de amantes do motociclismo.
Nesta mesma xornada celebrarase unha homenaxe a Ramiro Martínez García, presidente da Asociación de Veciños de Mesón do Vento.

Durante as dúas xornadas non faltará tampouco a música, con verbenas que estarán amenizadas por diferentes orquestras.

O Concello de Ordes anima a todos os veciños e veciñas do municipio, así como a visitantes a que participen nestas dúas xornadas de festa que terán a Mesón do Vento como protagonista.

PROGRAMA DE ACTOS:

SÁBADO 13 DE MARZO:

10:00 Horas: Apertura do recinto feiral con exposición de gando de razas autóctonas e exposición de maquinaria.

17:00 Horas: Desfile e concurso de comparsas e disfraces.

20:00 Horas: Verbena nocturna a cargo da orquestra femenina Estrellamar

DOMINGO 14 DE MARZO:

10:00 Horas:-Apertura do Recinto Feiral.
        -Exposición de Gando e Maquinaria.     
-Degustación gratuíta de lacón con grelos nos                         establecementos da zona
- Concentración Moteira

11:00 Horas: - Concurso de Estampa de Beleza Galega

12:00 Horas: - Proba de Andadura Federada Galega, 2 e 4 tempos.

14:00 Horas: - Homenaxe a Ramiro Martínez García, presidente da   Asociación de Veciños de Mesón do Bento.
-    Sesión Vermouth coa orquestra Fania

15:30 Horas: - Carreira de Trotóns

16:30 Horas: - Trote Libre

17:00 Horas: - Proba de Arrastre con gando vacún

20:00 Horas: - verbena a cargo da orquestra Fania

Sociedade