15 millóns de euros anuais

15 millóns de euros anuais
04 de Xullo, 2021 - 09:15 h. | Publicada por Radio Fene

4.200 horas de produción ao ano e unha facturación de 15 millóns de euros. Esas serán algunhas cifras do Parque Eólico Caaveiro promovido pola empresa eléctrica ENEL en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. Manifestouno así o director do Observatorio Eólico de Galicia Xabier Simón nas diferentes asembleas celebradas en Sillobre, Lavandeira e Neda. Esa entidade calcula que nos parques eólicos xa instalados só queda na zona menos do 5% do orzamento global. 

Asemblea en Sillobre. Sábado 3 de xullo de 2021

As asembleas completaron todo o aforo dispoñible , respectando as medidas hixiénicas e de aforo legalmente establecidas polo COVID. Nelas  falouse dos proxectos eólicos presentados nos últimos meses e máis concretamente do PE “Caaveiro”, promovido por ENEL, que contempla a instalación de 14 aeroxeradores en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas, ademais da extensión de liñas de evacuación até As Pontes pasando pola Capela. O proxecto encóntrase na fase de exposición pública do Informe de Impacto Ambiental Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa, cun prazo de alegacións até o 27 de xullo.
Simón deu algunhas pinceladas sobre as características do boom eólico en Galicia (cos proxectos de maior envergadura que se teñen visto até o momento en todo o Estado) e, nomeadamente, na nosa zona, que garante polas condicións atmosféricas máis de 4.200 horas de produción ao ano.De feito, aplicando o prezo medio do megavatio/hora en 2020, os aeroxeradores do Parque Eólico “Caaveiro” permitiríanlle á empresa ENEL Green Power, participada polo Estado Italiano e grandes fondos de investimento internacionais, facturar anualmente máis de 14 millóns de euros. “Debe importarvos, e moito, o que se quere facer cos vosos montes”, dixo Simón aludindo ao feito de que a “grande riqueza” que supón o vento non xeraría con este modelo un retorno proporcional para os territorios que soportan os parques eólicos. O experto en renovables tamén advertiu de que, a diferenza das concesións administrativas que rexen, por exemplo, para os aproveitamentos hidráulicos, as autorizacións de parques que se están tramitando “non teñen data de caducidade, son para toda a vida”.
Boa parte da reunión de onte,  centrouse en describir o contexto legal e competencial da enerxía eólica. Porén, no transcurso da charla  tamén se foi dando conta dalgunhas características do proxecto P.E. “Caaveiro” que, segundo dixo Xavier Simón, estarían incumprindo a normativa e mesmo incorrendo en fraude de lei por como estaba plantexado:
O P.E. “Caaveiro”, de 78 MW, é un proxecto que forma parte dun conxunto de seis parques eólicos interconectados entre si e con infraestruturas comúns. ENEL pretende ilos tramitando individualmente, como proxectos separados e independentes, en vez de facelo como o macroparque que sería en realidade, que sumaría un total de 611 MW (case a metade do que produce a térmica das Pontes). Para o Observatorio Eólico de Galicia, facer esta fragmentación -evitando así maiores esixencias ambientais- é algo ilegal e razón suficiente para que o parque non obteña a autorización. Este é un dos argumentos que poden incluírse nas alegacións contrarias ao proxecto. Por outra banda, o P.E. “Caaveiro” non se encontra dentro de ningunha Área de Desenvolvemento Eólico, é dicir, dentro dalgún dos territorios definidos pola Xunta para poder montar parques. Os proxectos coma “Caaveiro” superan todos os 50 MW de potencia e, polo tanto, a tramitación é de competencia estatal, non autonómica. Porén, a competencia en materia de usos do chan segue sendo da Xunta, que desde principios deste ano pode autorizar ou non a construción de novos parques fóra deses espazos delimitados polo Plan Eólico de Galicia. Este é outro dos argumentos que se poden utilizar para presentar alegacións.
Falouse ademais, que os 200 metros arredor dun muíño (o que vén sendo un círculo de 12,5 hectáreas) pasarían automaticamente de chan rústico ou forestal a “chan de protección de infraestruturas”, que limitaría en grande medida os posibles usos que se lle estean dando na actualidade ou que se lle queiran dar no futuro. Na xuntanza tamén xurdiron voces alertando da incidencia paisaxística -son muíños de case 200 metros de altura- ou para o valor dos inmobles que quedarían preto do parque.
Participaron na charla representantes dos Montes Comunais de Brión, de Adega, da Asociación Betula e da Plataforma Monfero di Non, que espuxeron os seus argumentos contra o proxecto da multinacional eléctrica.
As asociacións veciñais de Sillobre (Comunidade de montes de Marraxón, A.VV San Ramón, AVV Santosamarco e SCRD Agarimo)  recomendaron que non asine ningún papel ante calquera oferta que se puidera ter polas súas fincas sin ter o asesoramento suficiente, e mellor en conxunto. Amosaron a súa preocupación pola saúde das persoas que terían por diante das súas vivendas o paso de toda a electricidade xerada polos muíños e da proximidade do emprazamento subestación de todo o Parque Eólico Caaveiro cos núcleos habitados de o Barreiro e o Belelle.
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora