17.000 filloas para os padares mais doces

17.000 filloas para os padares mais doces

27 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os amantes dos postres tradicionais galegos terán unha data que non deben esquecer, xa que este sábado, 1 de maio, Muimenta acollerá a tradicional Festa da Filloa, que este ano chega á súa XIX edición, a terceira baixo o título de Festa de Interese Turístico, que a Consellería de Innovación e Industria concedeu o 21 de febreiro de 2008. Serán 50 filloeiras as que poñan nos padares dos visitantes que se acheguen por esta zona

Pero como non so se xanta cun postre, desde a organización deste evento informouse de que haberá espazo para outros pratos clásicos da gastronomía galega, como o churrasco. Serán 25 os churrasqueiros que asarán a carne a un prezo de 10,00 € a ración, que inclúe, ademais, chourizo criollo, pan, viño, auga, queimada e café.

Pero como en toda festa que se prece, e preciso de alguén que lle dea comezo. Para exercer o complexo papel de pregoeiro este ano se elixiu á xornalista de Cospeito María Yáñez, que subirá á palestra contra das 13.10 horas para dar lectura ao texto do pregón. Esta xornalista, guionista e directora, traballa na Produtora Continental, en programas como ‘A casa de 1907’ ou ‘O país dos ananos’; aínda que agora montou a súa propia empresa, A Navalla Suíza, de contidos para webs.

Outro dos momentos principais chegará ás 13.20 horas, coa entrega dos premios aos gañadores do XI Concurso de Relato e Debuxo - Filloa 2.010, tanto na súa modalidade de debuxo coma de relato. Este foron 300 os traballos presentados polos colexios de Vilalba, A Pastoriza, Bretoña, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Moncelos, Feira do Monte e Muimenta, baixo a temática “A Filloa e o Camiño de Santiago”. Os premios están patrocinados polo Concello de Cospeito e os departamentos territoriais das Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, ademais da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo – Área de Deportes e Cultura, que dirixe Antón Bao.

Pola tarde, tras o xantar, continuará a animación a cargo do grupo folclórico “Entre Lusco e Fusco” e “Os Charangos”. Xa contra as 16.00 horas será a quenda dos xogos tradicionais, nunha xornada organizada pola Asociación muimentina Xotramu, mentres ás  17:00 horas haberá un sorteo dunha cesta de produtos típicos e unha hora e media mais adiante entregarase un lote de artesanía agasallo dos artesáns que acudiron á XXVI edición da MOEXMU.

O orzamento total desta festa alcanza os 35.000 euros e na organización da mesma colaboraron o persoal do Concello de Cospeito, ademais de xente da parroquia de Muimenta e dos pobos de Outeiro, Bazar, Pacios, Prevesos, San Martiño, Villarente, Rigueira, A Graña, Triabá e Roás.

Sociedade