24 artesáns dánse cita na IX edición do Mercado de Artesanía Arte de Man

24 artesáns dánse cita na IX edición do Mercado de Artesanía Arte de Man

07 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Cámara de Comercio de Ourense acollía esta mañá a presentación da IX edición do Mercado de Artesanía Arte de Man que organizan conxuntamente o Concello de Allariz e a Asociación de Artesáns de Allariz. Será este domingo, 11 de setembro, cando se celebre a feira que terá lugar no casco histórico de Allariz, concretamente na Praza Maior e na Praza de Abaixo.

O evento xurde dun proxecto que nacía no ano 2003 froito do traballo conxunto, entre o Concello e os artesáns alaricanos, de recuperación etnográfica e dos oficios perdidos para promocionar a actividade artesanal.
Na novena edición participarán 24 artesáns chegados dende toda Galicia, dos que doce son da localidade alaricana, que durante todo o domingo terán expostos xoias, cerámica, esmaltes, madeira, cestería, téxtil, coiro e pintura.

Ademais de exposición e venda e como novidade as escolas municipais de cestería e pintura participarán no Mercado facendo demostracións en vivo e directo do oficio. Ademais haberá demostración de talla e decoración de cristal.

Sociedade