ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Santiago de Compostela acolle desde onte e durante toda a xornada de hoxe un encontro histórico con representantes de 240 emisoras de radio de todo o Estado español co obxectivo de reafirmar a súa vocación de traballar en rede para ter incidencia a escala global, pero sen perder as raíces locais; aliñar estratexias conxuntas, intensificar a colaboración e aproveitar sinerxias. O encontro, organizado pola Asociación de Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), conta coa participación de EMA RTV (Andalucía), RTV Cardedeu La Xarxa (Cataluña) e a Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que subliñan a importancia de reforzar os medios locais como ferramentas para o cambio social e ambiental.
O programa incluíu na tarde de onte un acto no que Henrique Sanfiz, secretario
de EMUGA, destacou a colaboración entre entidades autonómicas e estatais como
clave para lograr un impacto real. “Somos 240 radios, moi pequenas, que, se
bailamos soas, chegamos a poucos sitios, pero, se bailamos todos ao mesmo paso
na mesma dirección, podemos aspirar a poñer un grao de area para cambiar o
mundo”, afirmou. Tamén subliñou a necesidade de combinar enfoques globais e
locais no proxecto Onda ODS, baixo o lema "de medios locais a medios glocais".
Insistiu en que esta iniciativa é “multicultural e multilingüe, defendendo a lingua e
a cultura de cada territorio”.
Pola súa parte, Xesús Domínguez, tenente de alcaldesa do Concello de Santiago
de Compostela, deu a benvida aos participantes e salientou a relevancia da
comunicación de proximidade: “Cando viaxamos buscamos descubrir outras
culturas, maneiras de pensar e linguas... Isto é o que verdadeiramente enriquece a
experiencia”. Domínguez agradeceu a presenza dos asistentes e resaltou o papel de
Santiago como punto de encontro e reflexión.
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, destacou o valor
destas redes como ferramentas de cohesión nun territorio tan fragmentado como
Galicia. “O desenvolvemento sustentable non pode esquecer a cultura; é o motor
da sociedade e debe integrarse en todos os seus aspectos: humanísticos,
científicos e tecnolóxicos”. Ademais, subliñou “a importancia dos dereitos
culturais. A cultura é un dereito; poder desfrutar a cultura da túa comunidade e
recibir cultura debe ser un dereito”. Álvarez animou os presentes a fortalecer a
colaboración entre emisoras e asegurou o apoio do Consello para seguir
impulsando esta rede.
Proxecto Onda ODS
Este encontro supón tamén o punto de partida para unha nova etapa no proxecto
Onda ODS impulsado pola devandita rede de emisoras de radio locais, que no ano
2025 chegará á súa terceira edición baixo o lema "De medios locais a medios
glocais". Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co Ministerio de Dereitos
Sociais no marco da Axenda 2030, busca amplificar o impacto dos medios locais a
través de tres liñas de acción que combinan a educación, a formación profesional
e a sensibilización cidadá. Estes son os obxectivos:
1. Impulsar a conciencia climática na mocidade:
A primeira acción estará centrada na mocidade de 16 centros educativos de cinco
comunidades autónomas. A través dun concurso radiofónico estatal, os
estudantes reflexionarán sobre o impacto do cambio climático nas súas
comunidades, promovendo un diálogo interxeracional e unha comprensión máis
profunda deste desafío global.
2. Formación en municipios rurais e vulnerables:
En 16 localidades de ámbito rural e con maior vulnerabilidade social organizaranse
coloquios radiofónicos destinados a comunicadores e xornalistas. Estes encontros
tratarán temas como a pobreza, a igualdade de xénero e o cambio climático, co
obxectivo de mellorar a calidade e a sensibilidade na cobertura mediática destes
temas fundamentais.
3. Campaña de sensibilización a nivel estatal:
Lanzarase unha campaña radiofónica e audiovisual dirixida a máis de dous millóns
de persoas en 11 comunidades autónomas. Esta iniciativa buscará dar visibilidade
a políticas públicas, proxectos cidadáns e iniciativas privadas que contribúen ao
cumprimentodos ODS, destacando especialmente os esforzos realizados desde o
ámbito local e rural.
Unha comunicación comprometida coas persoas e co planeta
Os medios locais non son simples transmisores de información; son espellos das
súas comunidades, puntos de encontro para o debate e a reflexión, e ferramentas
clave para promover o cambio social. Desde esta perspectiva, o proxecto Onda
ODS e a colaboración entre redes como EMUGA, EMA RTV, ReMC e XAL apostan por
unha comunicación que respecte a diversidade cultural e lingüística, ao tempo que
actúe como motor de transformación social.
Con esta nova edición de Onda ODS, estas emisoras propoñen dar un paso máis:
converterse en plataformas "glocais" que combinen o alcance global coas raíces
locais, garantindo que ningunha comunidade quede atrás na loita por un futuro
máis xusto, igualitario e sustentable.
Santiago de Compostela, que simboliza o encontro de camiños e culturas, é o
escenario perfecto para dar forma a esta nova etapa. Desde aquí, a voz das radios
locais e comunitarias segue a abrir camiños cara unha sociedade máis consciente
e comprometida cos grandes retos que afrontamos como humanidade.
Publica o teu comentario agora