40 actas de infracción por incumprimento do horario en locais ferrolás

40 actas de infracción por incumprimento do horario en locais ferrolás

24 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol tramitou 40 actas de infraccións por incumprimentos de horarios en diversos locais da cidade. Un balanzo que abrangue desde o mes de outubro ata o mes de febreiro. As medidas adóptanse para garantir o descanso dos veciños, regular a actuación dos establecementos e evitar a competencia desleal.  

A competencia da policía local limítase a recoller as denuncias e a tramitación dos expedientes recae na Xunta de Galicia. O control realizouse arredor dun cento de locais e as infraccións cométense principalmente no barrio da Magdalena e en Amboaxe, onde se concentra o maior número de establecementos hostaleiros. Primeiro advírtese de xeito disuasorio e en caso de reincidencia procédese a impoñer multas económicas que van medrando se aumentan as infraccións. Como última medida péchase o local pero ata o momento non houbo necesidade disto. A resposta da hostelería é positiva explicou esta mañá a concelleira de Seguridade Cidadá, Sandra Ríos.  

A policía local de Ferrol tamén leva a cabo controis de ruído. Aquí só se actua en caso de requerimentos dos cidadáns e de seguido procédese á medición dos decibelios. Neste tema o Concello é competente para impoñer as sancións correspondentes. As 40 sancións por infraccións de horarios, foron 5 en outubro, 2 en novembro, 19 en decembro, polo pico das festas de nadal, 10 en xaneiro e 4 en febreiro.

Sociedade