4.000 pezas de Queixo de San Simón para os mellores padais

4.000 pezas de Queixo de San Simón para os mellores padais

04 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Miles de persoas dan boa conta das preto de 4.000 pezas de San Simón que se puxeron á venda hoxe na XV Edición da Feira do Queixo de San Simón. Os prezos, que non aumentaron con relación ao ano pasado e permaneceron nos 12 euros a peza dun quilo e 8 a de medio quilo, axudaron á excelente acollida por parte dos visitantes que se achegaron á Praza da Constitución de Vilalba.

As oito queixerías que forman o Consello Regulador desta variedade de queixo de vaca galego formaron parte dos 80 stands que poboaron a principal praza vilalbesa. Así, Prestes, Cas Leiras, Daniberto, Don Crisanto, Valado, As Fontelas, Don Gabino, e Catadoiro, puxeron os seus produtos a disposición dos clientes desde a mañá.

Ás 11 en punto abríase o recinto para que todos os que quixesen ter un bo queixo afumado con vidueiro o puidesen conseguir nalgunha das haimas que albergaban os postos de venta. Pero, a pesar de que a estrela era o San Simón, tamén se podían conseguir outras variedades de queixo, como foron os casos de taramundi, Cebreiro, manchego, cabrales ou mesmo queixos de Castela León, Asturias, Aragón, Baleares, Francia e Italia.

Pero os mais larpeiros tamén tiñan sitios onde poder facerse con boas viandas. Así, era case irresistible camiñar entre os postos dos produtos do Bierzo, dos embutidos, filloas, marmelos ou os prezados viños da Ribeira Sacra e o Ribeiro, se mercar nada.

Os amantes da artesanía tamén tiveron a oportunidade de completar coleccións dado que se contaba coa presenza de zoqueiros, cesteiros, alfareiros, postos de esmaltes, de cerámica e cantería, macramé, coiro ou broches artesáns.

Pola tarde apareceu o lado mais ceremonioso do día. Foi o tempo da entrega dos premios do II Concurso de Tapas, non sen antes acudir á degustación popular de San Simón, onde se mesturou a tradición deste prezado produto coas tendencias mais actuais da cociña.

O templete da Praza da Constitución foi o lugar escollido para render honras ás mellores creacións de San Simón do 2009. Quince establecementos hostaleiros vilalbeses optaron, nas categorías de mellor tapa tradicional e mellor tapa de deseño, a un disputado galardón, debido á calidade deste ano nos pratos ofrecidos.

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado foi o encargado de dar o premio á mellor tapa de deseño ao “Cremoso de San Simón a la redución de mencía con mangostán” do Mesón do Campo, unha delicia de queixo con xelatina de viño e pasta chinesa con langostino rebozado. O vicealcalde de Toledo e pregoeiro, Ángel Felpeto fixo o propio con A Lareira, gañador da mellor tapa tradicional gracias ao seu Polbo á Lareira con queixo de San Simón. Esta tapa constaba de polbo cocido e salteado con langostino en aceite de oliva, cunha salsa mariñeira e un caldo con rape e albariño. O segundo premio foi parar ao Bar Alborada e ao seu Frango con queixo de San Simón, mentres que o terceiro foi para a croqueta de champiñóns e queixo con forma de San Simón do Café Bar Xalundes.

Ao rematar a entrega de premios, foi a quenda do acto central da festa. O periodista Félix Jorquera fixo de perfecto cicerone e presentou ao pregoeiro, o actual vicealcalde de Toledo, o vilalbés Ángel Felpeto. O ex Delegado de Educación de Toledo, recordou a súa vida como emigrante galego en Cataluña, Euskadi e Castela a Mancha e fixo un pregón centrado nos seus recordos de neno. Recordos ligados sempre á vila, ao queixo de San Simón, artigo de luxo que servía de agasallo ou para pagar favores, así como loubou a labor dos seus mestres. Este vilalbés de nacemento e “toledano de adopción” tamén quixo invitar a todos os chairegos a visitar a capital castelá manchega.

O acto pechouse coa intervención do edil vilalbés, Gerardo criado, que rememorou o “gran traballo que levaron e están a levar os produtores deste prezado alimento, que teñen un éxito asegurado hoxe en día”

Xa pola noite será o tempo do baile coa verbena amenizada pola orquestra Alarma.

Sociedade