60 expositores daranse cita no recinto feiral de Expo Ordes

60 expositores daranse cita no recinto feiral de Expo Ordes

11 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes prepárase para celebrar os vindeiros 15, 16 e 17 de abril unha nova edición de Expo Ordes. Unha feira multisectorial que como cada ano achegará ao municipio ás máis importantes empresas tanto a nivel local, como provincial e autonómico. Nesta ocasión serán preto de 60 expositores os que se darán cita no recinto feiral de Expo Ordes, ubicado no campo da feira ordense. Un recinto de máis de 3.000 metros

Todos os sectores estarán representados nesta feira multisectorial que xa se ten convertido en todo un referente na comarca, dende a náutica, ao textil, a alimentación, o automóbil, as enerxías renovables, os mobles, a construción ou a maquinaria agrícola terán o seu espazo en Expo Ordes 2011. Uns stands aos que se sumarán outros de diferentes asociacións, colectivos e institucións da comarca. 

A inauguración da feira terá lugar o venres día 15 ás 20 horas nunha xornada adicada aos empresarios e autónomos locais. O sábado 16 o recinto feiral abrirá ás 10 da mañá ata as 9 da noite, contando durante todo o día coa actuación da Charanga Ruada. O domingo o recinto tamén estará aberto de 10 a 21 horas, estando previsto que ás 11 horas haxa unha visita ao recinto feiral por parte das autoridades locais, seguida dunha actuación da Banda de Música de Ordes. Durante todo o día a Charanga NBA será a encargada de animar aos visitantes. 

XXII Festa do Champiñón

Como vén sendo habitual a última das xornadas de feira, o domingo día 17, terá lugar unha das citas festivas máis características do  municipio, a Festa do Champiñón. Unha festa que vai xa pola súa vixésimo segunda edición e que xa é todo un referente en Ordes.  

Esta xornada, que terá ao champiñón como protagonista, contará cunha degustación gratuíta do producto nos establecementos hosteleiros do municipio, unha degustación que correrá a cargo do Concello, quen repartirá arredor de 10.000 kilos de champiñóns entre os establecementos do municipio, co fin de que o ofrezcan aos seus clientes o champiñón nas especialidades que cada un elixa. 

Dende o Concello de Ordes, o alcalde, Manuel Regos, animou tanto a veciños como a visitantes a que participen activamente desta festa que cada ano é sinónimo de éxito e fai que Ordes reciba a milleiros de visitantes.

Sociedade