711 desempregados da provincia de Lugo

711 desempregados da provincia de Lugo

11 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes que todos os Concellos da provincia, agás o de Incio, confirmaron a súa adhesión ao Lugo Emprega; o programa co que o organismo provincial reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación cos Concellos coa contratación de 711 desempregados durante 6 meses, que prestarán o seu servizo en labores de ma

Gómez Besteiro, quen amosou a súa satisfacción pola resposta dos Concellos, subliñou que “o Plan é un completo éxito. Xestionamos áxil e con eficacia un plan sen comparación en Galicia para crear emprego. Se sumamos o Lugo Emprega ao Pacto Provincial polo Emprego, estamos investindo 12 millóns en frear o desemprego que, como ben di o Alcalde do Incio, non é unha competencia directa nosa senón da Xunta, pero que nós queremos sumar ante a evidente ausencia de políticas semellantes”. Neste senso, lembrou que Galicia ten máis paro que nunca, encabezando as comunidades onde máis medrou en termos absolutos -só por detrás de Castela León- e chegando a máximos históricos. Asimesmo, sinalou que a galega é a 2ª comunidade que perdeu máis autónomos en 2010 e que a Xunta recortou nun 50% os fondos para emprego, 65 millóns de euros menos para o Servizo Público de Emprego. “Esperamos que o noso Plan teña calado noutras administracións.Levamos dous anos en que en hai menos Galicia e moito máis paro”. 

Dos 67 municipios tan só houbo 2 casos nos que foi necesaria unha comunicación oficial solicitando a necesidade de axustarse ós criterios aprobados polo Pleno da Deputación. Trátase de Quiroga e de Incio. No primeiro caso, unha vez que se lle notificaron os cambios para axustarse ás bases do Plan, o Concello correxiu o erro, conseguindo que a súa adhesión fose inmediata. No caso do de Incio, o Alcalde enviou unha comunicación no que explica textualmente que: “este Ayuntamiento, a fecha de hoy tiene unha plantilla excelente, la justa, pero también la necesaria. Parece por ello obvio decir, que salvo imprevistos, no disponemos de trabajos concretos para asignar a un nuevo personal. No es legítimo que se nos pueda exigir que asumamos la responsabilidad de contratar a un personal para el que no disponemos de trabajo, ni que se pretenda “endosársenos” otros para los que no tenemos competencias”. Asimesmo, na misiva o rexedor apuntou que: “recordamos que “la Diputación no es la que tiene las competencias directas en políticas de empleo”… “ni en este caso le solicitamos su colaboración o auxilio”. 

Ante estas declaracións, o máximo mandatario provincial apuntou que o pasado venres se lle enviou unha carta solicitando a súa adhesión dunha forma clara, “xa que entendíamos que o escrito era improcedente e que non se axustaba ás bases do Plan. Neste escrito démoslle 2 días de prazo, pero, rematado o prazo, non contestou. É o único dos 67 Concellos que rexeitou o Plan a pesar de darlle dúas oportunidades. Non se pretendía convencer a ninguén senón darlle trámite a un plan que pretende empregar a 711 traballadores en 2011. Incio preferiu divagar”.  

A Deputación asume ó 100% dos custes salariais e mesmo os custes da indemnización por finalización do contrato. Mentres, o Concello tan só ten que aportar a roupa para os operarios e o material e as ferramentas necesarias para facer as obras.O Presidente tamén lembrou que, “curiosamente Incio tamén desaproveitou a ocasión do convenio da roza a través do que se lle adiantan cartos para o desbroce das estradas provinciais”. 

A Deputación avanza no Lugo Emprega

O Presidente destacou que houbo unha auténtica avalancha de correos electrónicos e chamadas de ducias de persoas interesándose polo Plan. Isto obrigou a habilitar teléfonos específicos no propio servizo de Contratación e crear un apartado propio na portada da páxina web da Deputación. Neste senso, anunciou que o 1 de marzo, como data límite, os desempregados estarán traballando nos Concellos. Os próximos pasos a seguir son os seguintes: a partir de mañá os Concellos comezarán a recibir os convenios tipo para formalizar a súa adhesión xa comunicada; este xoves tanto na páxina web como no Boletín Oficial da Provincia publicaremos as bases e a convocatoria do Plan, con todos os detalles. Os interesados deberán adxuntar o DNI e da tarxeta de demandante de emprego; e, a continuación,  designaranse os tribunais que avaliarán ós participantes, descentralizando os exames, que se celebrarán no mes de febreiro, en distintos puntos da provincia para facilitar a participación. 

Achegas da Deputación para a contratación

Todos os Concellos contarán cun mínimo de 4 efectivos, de tal xeito que o máximo de traballadores, un total de 73, asignóuselle ó Concello de Lugo, que representa un 10% do Plan. A categoría dos contratantes inclúese dentro do que se denomina Operarios de Servizos Múltiples. No caso dos Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos 500 parados, a cantidade que se subvenciona é igual que a dun grupo E da Deputación, que non esixe ter titulación. En total, o soldo bruto de cada operario será de 1.110 euros. Ademais, a Deputación asumirá o custe da Seguridade Social, que representa o 33% desta cantidade, e a indemnización do fin contrato, ou o que é o mesmo, a cantidade que lles corresponde por 4 día de traballo. No caso dos Concellos de  máis 5.000 habitantes e con máis de 500 parados, seguiremos o mesmo criterio e subvencionaremos a mesma cantidade. A diferenza está en que os municipios terán a liberdade de contratar traballadores doutras categorías ou grupos.

Institucional