800 racións de orella degustaránse este venres en Limodre

800 racións de orella degustaránse este venres en Limodre

19 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A orella é a gran protagonista este venres na parroquia de Limodre (Fene A Coruña). 800 racións deste manxar porcino repartiránse entre os milleiros de persoas que cada ano se congregan na Carpa de Limodre . A degustación da orella xa é toda unha tradición no calendario festivo do verán , non en balde este ano celebran a súa décimoquinta edición.

A XV Festa da Orella de Limodre celebraráse este venres a partir das nove e media da noite. Orella, chourizo, pataca, pan e viño todo servido en prato e taza de Buño encherán os estómagos dos dous milleiros de persoas que se calculan asistan a esta festa gastronómica. A Asociación de Veciños de Santa Eulalida de Limodre, organizadora do evento, xa está a traballar na súa preparación. Unha festa que segundo o presidente da Asociación, Suso Bello, naceu buscando algún produto gastronómico que non tivera celebración. Agora xa é todo un reclamo culinario e de exaltación a este produto tan típico da nosa terra.

A festa en sí supón todo un espectáculo. A xente queda abraiada ao ver como se cociña a orella e como con puntualidade británica e elegantemente vestidos os camareiros reparten as racións. Un espectáculo digno de contemplar.
 

A velada festiva contará cun castelo inchable para os máis pequenos e música ambiental a cargo de Saavedra. Ás doce da noite tras engulir as 800 racións de orella daráse conta dunha queimada para baixar a gran enchenta. A troula continuará toda a noite. Que non pare a festa!

Sociedade