94 pequenos mindonienses viaxarán a África coa imaxinación de “Contoqontigo”

94 pequenos mindonienses viaxarán a África coa imaxinación de “Contoqontigo”

13 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Mondoñedo será, xunto con Pantón, unha das paradas que a campaña de fomento da lectura “Contoqontigo”, organizada pola vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, ten programadas para esta semana. Serán 94 pequenos do CEIP Álvaro Cunqueiro do municipio mindoniense quen desfrutarán do conto como vehículo de aproximación á interculturalidade e á creación artística.

Será o xoves 15 cando esta actividade se achegue ata esta vila lucense. Este primeiro día 55 nenos accederán á carpa iglú deste proxecto cultural, situada no propio edificio educativo. A obra desenvolverase en tres quendas, ás 11, 12 e 14.30 horas, para viaxar polo continente africano da man do álbum “Chocolata”, creado pola escritora sarriá Marisa Núñez. A segunda sesión terá lugar ao día seguinte, o venres 16, en tres funcións, ás 10, 11 e 12 horas.

 

O texto de Núñez, que foi galardoado co premio Internacional “Espace Enfants 2007”, conta as andainas dunha hipopótama que decide saír da súa lagoa e vivir novas experiencias na cidade, nunha viaxe na que aprenderá a valorar o seu contorno.

No espazo Contoqontigo, Raquel Méndez e Eva Vila levan a cabo unha innovadora actividade na que os cativos participan dunha maneira interactiva na historia: proban o doce máxico que os fai entrar no conto; xogan coas imaxes a reinventar a historia; e póñenlle a banda sonora á narración. Esta experiencia creativa permítelles aos formadores traballaren coa lectura dunha maneira lúdica.

As sesións teñen unha duración de 50 minutos e están destinadas a nenos de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria, cun máximo de 20 rapaces por sesión. A Área de Cultura da Deputación está a dotar a todos os centros participantes cun lote de libros co obxectivo de traballar o álbum ilustrado antes e despois do desenvolvemento da campaña.

Cultura