ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Astano tiña tanta presenza en Fene que ata daba o aviso para que nenos e nenas tomaran a merenda. Todo parou coa reconversión. Pero permanece na memoria das persoas. As mulleres foron activas na loita, na defensa dos postos de traballo, das familias e da comunidade. Recoñecerase o seu papel no proxecto “Mulleres da Reconversión”, do que deron detalles en Radio Fene a alcaldesa de Fene, Sandra Permui; a deputada de Igualdade, Sol Agra, e a directora de Navantia Fene, Carla Chawla.

“Foron tempos duros, de chorar, reivindicar, de asumir cambios na vida que se ían producindo”, lembra a alcaldesa, que aprendeu demasiado cedo o significado da reconversión naval. “Unha etapa que me marcou moito”. Sandra Permui era daquela unha nena de dez anos, que como o resto de nenos e nenas de San Valentín identificaba o “pito de Astano, ás seis da tarde coa hora da merenda”. Tamén lembra as mareas de homes que saían ás dúas do estaleiro. Esa “nena da reconversión” impulsou o proxecto “Mulleres da Reconversión” que levará a cabo o Concello de Fene co apoio da Deputación provincial da Coruña e a colaboración de Navantia.
“Parecerunos moi acaída a proposta, por poñer no foco ás mulleres silenciadas ou invisibilizadas, cumpre os obxectivos de acercarnos aos concellos, para que o colectivo invisibilizado das mulleres saia á luz e facerlle xustiza”, explica Sol Agra, deputada de Igualdade. “Mulleres da reconversión” é unha das iniciativas que verán a luz este ano na programación conmemorativa do 8M da Deputación provincial da Coruña.
Desde Navantia tamén viron con bos ollos a iniciativa. “Somos unha empresa pública que intentamos promover a igualdade tamén fóra das nosas murallas, encantados de abrir as portas do estaleiro para que as mulleres loitadoras poidan velo”, manifestou Carla Chawla.
Publica o teu comentario agora