Aínda que chova

Aínda que chova
06 de Maio, 2026 - 12:59 h. | Publicada por Radio Fene

Xestións nos despachos e mobilizacións na rúa. O Foro Cidadán polo Ferrocarril mantén viva a demanda de modernización do transporte ferroviario e recibe o apoio institucional do Concello de Fene. Tres mulleres, a alcaldesa de Fene, Sandra Permui; e as representantes do Foro Cidadán, Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, e a historiadora Esperanza Piñeiro piden un tren mellor para Ferrolterra.

 

ESCOITA O PODCAST:

Fene acollerá o sábado unha manifestación para reclamar a modernización do ferrocarril. Convoca o Foro Cidadán polo Ferrocarril.  A alcaldesa de Fene, Sandra Permui, comparte as súas reivindicacións e anima á veciñanza a participar na mobilización, que sairá ás 12 horas do apeadeiro de Perlío, “aínda que chova”. 

O Foro Cidadán polo Ferrocarril mantivo o luns unha xuntanza con responsables para Galicia de Renfe e Adif, pero o resultado do encontro foi escaso, segundo manifestou Xulia Díaz, “que pasou na xuntanza, que non teñen capacidade para aumentar o número de frecuencias”. “Viñeron en coche, non en tren”, ironiza Esperanza Piñeiro. 

Piden a modernización das liñas férreas coa Coruña e Ribadeo e a curto prazo ampliación de horarios e frecuencias. “Os horarios non coinciden coas necesidades da xente”, critica Xulia. “Temos que mobilizarnos, necesitamos a presión da cidadanía”, engade Esperanza.

Un cento de incidencias

Máis de 100 suspensións do servizo ferroviario Ferrol-Ortigueira nos tres primeiros meses do ano. A cifra deuna Mon Fernández, o deputado do BNG, formación política que leva anos reivindicando a necesidade de modernizar o transporte ferroviario. A incidencia máis recente foi o pasado 21 de abril cando se paralizou a liña de ferrocarril entre Ferrol e Ortigueira ao rexistrarse un incendio nunha unidade a altura do concello de Cerdido. Afortunadamente todas as persoas puideron saír polo seu pé e non se produciron desgrazas persoais. O BNG afea as dúas caras do Partido Popular e do PSOE sobre a cuestión. Anuncia iniciativas políticas no Parlamento Galego para exixir á Xunta a constitución dun Ente ferroviario galego de proximidade, así como a reclamación ao Goberno do Estado da transferencia das competencias sobre a liña Ferrol-Ribadeo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora