Abanqueiro estrea infraestruturas

Abanqueiro estrea infraestruturas

09 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O Concello de Boiro inaugura este sábado, día 11 de decembro, ás 20.00 horas, o Centro Social Multiusos e o parque biosaudable da parroquia de Abanqueiro, un acto no que están convidados a participar tódolos veciños e que contará coa colaboración de distintas entidades da parroquia, entre elas o grupo de gaitas Brincadei@s e o grupo de baile da Anpa de Abanqueiro, que actuarán durante a mesma. O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñane

O investimento realizado neste novo servizo, así como no parque biosaudable próximo ao Centro Social, é de preto de 1.158.000 euros, aportados por Xunta (Consellerías de Presidencia e Cultura) e Deputación da Coruña, a través de distintos programas. Esta cantidade inclúe tamén o mobiliario e a urbanización exterior do edificio.

O Centro Social e Multiusos “A Fieiteira” é un moderno e funcional edificio que cubrirá unha importante necesidade nesta parroquia, que conta cunha forte tradición asociativa, e contribuirá a dinamizar a vida sociocultural da mesma. O edificio conta cunha pranta baixa de 446 metros cadrados, na que destacan o salón de actos, con capacidade para algo máis dun cento de persoas, e a cafetería. Na primeira pranta sitúase a biblioteca, con máis de 300 metros cadrados, e dúas aulas de distintas dimensións. 

Polo que respecta ao parque biosaudable, vén a completar a rede de instalacións realizadas en distintas parroquias e destinadas á práctica de deporte, sobre todo por parte da xente maior, ao aire libre, pois únese aos xa existentes no paseo marítimo de Barraña, paseo marítimo de Escarabote e Cabo de Cruz. 

Cabe lembrar, igualmente, que o Centro Social de Abanqueiro pasa a formar parte da Rede Boirense de Centros Sociais, unha aposta do executivo boirense por dotar a tódalas parroquias deste tipo de servizos, a través da cal se puxeron en marcha os de Cures, Cespón, Moimenta e Ponte Beluso.

Sociedade