Aberta a inscrición dos Obradoiros de Inverno

Aberta a inscrición dos Obradoiros de Inverno

28 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Xuventude de Ferrol, María López, presentou esta mañá unha nova edición da programación dos Obradoiros de Inverno que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño nas instalacións da Casa da Xuventude. Este novo calendario, para o que hoxe se abre o prazo de inscrición, está dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 35 anos.

A responsable das políticas de Xuventude do Concello avanzou que nesta nova edición ofertaranse inicialmente un total de 16 obradoiros, de entre os que se elixirán finalmente seis, en función da demanda que rexistren. Estes son: danza do ventre, guitarra acústica e eléctrica, inglés ou francés (conversación), capoeira, baile moderno, Tai-Chi e ioga, informática, deseño gráfico, fotografía dixital, cociña, teatro, canto, creación audiovisual, pintura, risoterapia e dramaterapia e edición de son.  

Desde hoxe, as persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades poden presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, ubicado na pranta baixa, en horario de 09.00 a 14.00, de luns a venres, ou na Casa da Xuventude. Unha vez recibidas todas as demandas estableceranse os correspondentes grupos e fixaranse os horarios nos que se levarán a cabo. O prazo para as solicitudes remata o 15 febreiro. Poderanse apuntar de luns a venres, de 18 a 21 horas. Non hai un límite de obradoiros por persoa, senón que as inscricións se poden facer en todos aqueles nos que un estea interesado. O único requisito é o pago dunha cuota mensual de 12 euros. As sesións en cada unha destas actividades serán de dúas horas á semana.

Sociedade