Abre Terractiva, a 6ª Feira ecolóxica de Arzúa

Abre Terractiva, a 6ª Feira ecolóxica de Arzúa

17 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Terractiva, a 6ª Feira ecolóxica de Arzúa, abre as portas cunha ampla e variada programación onde teñen cabida todo tipo de actividades, dirixidas a lograr unha maior conciencia social, e un maior coñecemento persoal e do entorno que nos rodea. A feira ecolóxica máis grande de Galicia, conta con máis de 50 expositores, obradoiros, charlas e cursos formativos, ata onde se pode achegar o público co fin de coñecer máis de pr

O gran mercado verde de Terractiva ofrece todo tipo de propostas alternativas, como produtos e cociña ecolóxica, publicacións, artesanía etc, todas elas agrupadas no recinto feiral de Arzúa durante dous días onde o público pode gozar tamén, de degustacións e demostracións artesanais ou presentacións de produtos.

Ademáis, a Feira conta cunha ampla programación de charlas, sobre enerxías limpas, terapias, ou sobre a situación dos cetáceos nas costas de Galicia, así como con exposicións entre as que destacan "25 anos de medio ambiente con Xaquín Marín", unha serie de textos, fotos e gráficos co fin de amosar a grave problemática medioambiental que sofre Galicia, "Cetáceos nas Costas de Galicia", con diverso material osteológico, "Antigos soños de mulleres Kichwas", exposición cedida por Paz e Desenvolvemento Galicia ONGD e coa exposición "Pegada ecolóxica galega" onde se analizan as capacidades de producción do planeta e a demanda dos recursos polo ser humano.

Unha ampla oferta formativa

Ademáis de contar cunha variada presenza de tendas e empresas ecolóxicas, artesáns, medicinas ou terapias alternativas, Terractiva constitúe tamén un importante espazo formativo, que responde ao crecente interés do alumnado por asistir a cursos a través dos que podamos acadar un maior coñecemento de nós mesmos e do medio natural, aprendendo a utilizar de maneira responsable os recursos que nos ofrece a Terra. 5 cursos que darán desposta a diferentes inquietudes e entre os que atopamos bhangra, técnicas de meditación, agricultura ecolóxica, e aromaterapia.

Terractiva constitúe tamén un espazo alternativo, e multidisciplinar, xa que engloba un variado abano de propostas como videoproxeccións continuas, un roteiro polas terras de Arzúa que incluirá entre outras unha visita ás mámoas e petroglifos da zona, un espazo de xogos para os máis pequenos, e obradoiros gratuitos para todos aqueles interesados en aprender novas técnicas coma cociña vegana, radiestesia, contact juggling, reciclaxe, construcción de fornos solares e un obradoiro de creación de monicreques para os máis pequenos.
O apartado de Altofalante, un espazo de denuncia, tamén está presente e abordará a actual problemática medioambiental que afecta á nosa terra e onde se realizará a presentación do libro de manolo pipas "a milpa e o paliacate. nos camiños do outro méxico", o último poemario do autor sobre as comunidades indíxenas e a súa resistencia.

Unha variada oferta para unha das principales feiras ecolóxicas do país, onde todo tipo de propostas teñen cabida. Un festival onde cultura e medio ambiente se dan a man para crear un novo espazo en sintonía coa natureza, e a través do que podemos aprender todas as posibilidades e alternativas que nos ofrece a nosa terra.

*Todo o acceso ao festival será libre e de balde. Só os cursos formativos precisan de abonamento.

Sociedade