Abrir Ferrol ao mar

Abrir Ferrol ao mar
28 de Xullo, 2025 - 01:27 h. | Publicada por Radio Fene

O proxecto de Abrir Ferrol ao mar inclúe novas accións complementarias para fase 1 contorna do Arsenal, Ferrol Vello e Magdalena como son a contratación dos servizos de arqueoloxía e de restauración. O Concello de Ferrol cumpre así a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que recolle que é necesario contar cos ditos servizos para realizar un proxecto arqueolóxico de control e seguimento das actuacións propostas no proxecto de obras (muro do Arsenal, pavimentación histórica, remoción de terras..), un proxecto arqueolóxico de control e seguimento das actuacións propostas no proxecto que afectan específicamente ao foso, así como un proxecto de restauración do ben artístico Fonte da Fama.

O contrato dívidese en dous lotes: lote 1 servizo de arqueoloxía por 75.000 euros e lote 2 servizo de restauración por 13.000 euros, en total 88.000 euros (IVE incluído). 

REXENERACIÓN INTEGRAL E MOBILIDADE

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, recordou que “as actuacións previstas supoñen unha rexeneración integral e permitirán implantar un modelo de mobilidade sostible nesta zona perimetral de contacto da cidade co mar”. Isto será posible a través da reordenación integral do ámbito para conformar un espazo público continuo ao longo da fachada marítima, recuperando a concepción orixinal da cidade do século XVIII articulando os barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Esteiro co perímetro do Arsenal e os estaleiros. 

Xérase un espazo amplo e continuo polo bordo marítimo da cidade cos usos claramente delimitados:  unha franxa rodada e unha plataforma onde se sitúan á mesma cota unha franxa ciclista separada do tráfico rodado, unha franxa intermedia de estancia e unha franxa peonil, delimitadas polos pavimentos e as franxas de arborado e xardíns con céspede e flores. 

Todas estas actuacións están encamiñadas directamente coa calidade ambiental dos espazos da cidade afectados por Abrir Ferrol ao Mar e baseadas, principalmente, nos itinerarios de mobilidade sostible (redución de emisións, mellora da calidade do aire, diminución do ruído, fomento da eficiencia enerxética), aparcamentos disuasorios (redución do tráfico no centro urbano, fomento do uso do transporte público, aforro enerxético), zonas verdes (captura de carbono, mellora da biodiversidade, regulación do clima local, xestión da auga).

Estas actuacións están cofinanciadas pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) segundo o Convenio de colaboración de data 29 de decembro de 2023 co Concello de Ferrol, e susceptible de ser cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do programa plurirrexional de España 2021-2027. 

Institucional

Publica o teu comentario agora