Acendido do Nadal

Acendido do Nadal
01 de Decembro, 2023 - 02:31 h. | Publicada por Radio Fene

Fene entra de cheo no Nadal este venres co acendido das luces, que está previsto para as seis da tarde. Durante a mañá quedou colocada tamén a decoración do acivro situado a carón da Casa do Concello que xa luce os adornos feitos nas últimas semanas por escolares de distintos colexios do municipio.

O Concello de Fene destina preto de 24.000 € á decoración de Nadal para darlle un ambiente máis festivo á localidade. O alumeado de Nadal estará instalado até pasada a noite de Reis. Este ano hai algunhas novidades no alumeado, que explicaba a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, destacando os cambios na Avenida Marqués de Figueroa, onde o Concello de Fene substituíu unha parte das arcadas que viñan sendo habituais nos últimos anos por novos deseños de alumeado que decorarán as beirarrúas. Tamén adiantou que na Praza Verde de Perlío parte da iluminación cambiouse por decoración, atendendo ás suxestións recibidas. Nas parroquias, ademais do alumeado, a gran atracción serán os oito “photocalls” deseñados por Ito Mosquera, nos que aparecen o Apalpador, Papá Noel, Elfos, un boneco de neve, unha casiña nunha paisaxe nevada, unha árbore de Nadal con agasallos e unha galleta de xenxibre, que este ano rotan de ubicación “favorecendo que tanto a veciñanza como as visitantes se acheguen ás parroquias para descubrilos e poder sacar unhas fotos divertidas para o recordo e para compartir en redes sociais”, destacou a concelleira.

Institucional

Publica o teu comentario agora