Acondicionamento das escolas

Acondicionamento das escolas
08 de Setembro, 2021 - 04:54 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellaría de Ensino de Fene acaba de rematar os traballos de mantemento que habitualmente se desenvolven nos centros de ensino durante o verán co obxectivo de que todo estea listo para o comezo do curso. De acordo coa relación enviada polos equipos directivos de cada colexio, o Concello levou adiante nas últimas semanas pintados de aulas, reparacións de humidades e tamén tarefas de acondicionamento en patios e zonas axardinadas, que supuxeron un investimento aproximado de 4.000 euros. Só quedaría pendente un arranxo puntual na cuberta da cociña da escola infantil A Galiña Azul -dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- para corrixir un problema de filtracións que o Concello agarda subsanar en cuestión de días. 

Portalon do colexio Centieiras de Perlío. Fotografía: Concello de Fene

A maior parte das obras estivo orientada ao enlucido de aulas e corredores, posto que outras actuacións de maior calado xa se levaron a cabo en 2020 nun paquete superior aos 60.000 euros que incluíu, entre outras melloras, a ampliación do comedor do CEIP Centieiras.

 

Así, durante o parón vacacional que agora remata, o Concello pintou o departamento de Orientación e a sala de recepción de familias no CPI A Xunqueira, ademais de instalar un novo portalón de entrada.  No caso do CEIP Plurilingüe Os Casais renovóuselle o aspecto ás aulas de Educación Infantil -inglés, 5º e 6º- e corrixíronse as pingueiras detectadas na biblioteca e nos corredores. Por último, no CEIP Plurilingüe O Ramo os traballos valeron para dárlle un novo aire ás aulas de 1º e 2º de Educación Primaria e para repintar por completo o salón de actos.

 

Canda estas actuacións en determinados centros de ensino, o Concello tamén lle deu un repaso xeral ás zonas exteriores de todos os colexios públicos do municipio verificando o estado do mobiliario de xogos, limpando espazos e acondicionando zonas axardinadas. 

 

Todo o programa desenvolveuse con persoal municipal -sobre todo operarias e operarios do programa PEL-, de maneira que o consistorio só tivo que afrontar os custes de material, cifrados en arredor de 4.000 euros.

 

A Galiña Azul

O Concello tamén asumíu varios traballos de mantemento na Escola Infantil A Galiña Azul de Perlío que non obtiveron resposta por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. 

 

Na escola pintouse unha das aulas de 2 a 3 anos e, igual que nos outros centros públicos, tamén se adecentou o entorno e a zona axardinada exterior. Ademais o Concello mellorou o sistema de ventilación e extracción da cociña. Nesa parte das instalacións quedaría pendente a impermeabilización da cuberta para solventar as filtracións que tamén lle afectan ao falso teito do almacén. O Concello xa coordinou coa dirección da escola infantil a realización dos traballos nos próximos días. 

Cultura

Publica o teu comentario agora