Acordo con Harland & Wolff

Acordo con Harland & Wolff
15 de Setembro, 2021 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

Navantia e Windar Renovables asinaron un acordo de colaboración co estaleiro de Reino Unido Harland & Wolff (H&W) para desenvolver de maneira conxunta proxectos de construción de estruturas para parques eólicos mariños, principalmente neste país. Con este acordo, as compañías reforzan a súa posición no mercado de enerxía eólica offshore de Reino Unido --o segundo maior do mundo tras China-- e especialmente ante o Plan de Dez Puntos para unha Revolución Industrial Verde lanzado polo Goberno británico.

A colaboración permitirá combinar a experiencia e a tecnoloxía de Navantia e Windar na construción de cimentacións fixas e flotantes coa capacidade produtiva de Harland & Wolff, o estaleiro con maior superficie industrial de Reino Unido, de cara a futuros concursos de enerxía eólica offshore neste país. O mercado de eólica flotante en Reino Unido e no conxunto de Europa vai requirir unha velocidade de produción e entrega de cimentacións que non poderá lograr un fabricante en solitario. Así, esta alianza permitirá a Navantia-Windar e H&W contratar paquetes máis grandes e converterse nun fabricante líder en Europa.

Ademais, con este acordo Navantia reforza a súa colaboración con H&W. Esta empresa constituíu con Navantia e o grupo británico BMT o consorcio Team Resolute, que foi seleccionado polo Ministerio de Defensa británico como un do catro finalistas para o programa de construción de tres buques de aprovisionamento no programa Fleet Solid Support (FSS).

O acordo en materia de eólica offshore deuse a coñecer durante a feira Floating Offshore Wind (FOW) que se celebra os días 15 e 16 de setembro na cidade escocesa de Aberdeen. Navantia participa por primeira vez nesta feira co fin de reforzar a súa posición no mercado británico e incrementar a súa cadea de subministración local.

Para o conselleiro delegado de H&W, John Wood, "con esta asociación estratéxica refórzase a capacidade e competitividade das ofertas, con múltiples espazos que reducirán o risco relativo aos prazos, achegarán máis innovación e eficiencia e mellorarán a obtención de beneficios. Desexamos empezar a traballar con estas empresas"  engadiu.

"A decisión de formar unha alianza entre Harland & Wolff e Navantia no campo da enerxía eólica mariña prodúcese tras dous anos de colaboración continua en proxectos do sector de defensa, o que permitiu consolidar unha relación de confianza que agora se estende a outras áreas de actividade das dúas partes. A incorporación de Harland & Wolff á asociación Navantia-Windar proporciona á industria offshore unha superficie industrial de aproximadamente cinco millóns de metros cadrados e unha capacidade sen precedentes para abordar proxectos eólicos mariños, con especial interese en solucións flotantes que requiren grandes espazos de montaxe e almacenamento", declarou o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez.

Orlando Alonso, presidente executivo de Windar Renovables, sinalou: "Estamos moi emocionados de colaborar con dous estaleiros de tan longa tradición como Harland & Wolff e Navantia, e de contribuír a escribir unha nova páxina no sector da enerxía mariña. A enerxía eólica mariña está a experimentar un proceso de expansión que se acelerará nos próximos anos e queremos desempeñar un papel crave nesta viaxe".

UNHA ALIANZA CONSOLIDADA

Navantia e Windar colaboran desde 2015 na construción de cimentacións para enerxía eólica e fabricaron xa máis de cen jackets (cimentacións fixas) para distintos clientes. Na actualidade, están a construír no estaleiro de Navantia en Fene (A Coruña) un total de 62 jackets para un parque offshore de Iberdrola en Saint Brieuc, na Bretaña francesa e finalizaron cinco estruturas flotantes para o parque de Kincardine, en Escocia nos estaleiros de Navantia Fene e Navantia Puerto Real. Como parte da súa aposta por crecer neste sector, as compañías anunciaron un investimento de 36 millóns de euros para unha nova fábrica de monopiles XXL en Fene.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora